A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego denuncia o impago da láctea melidense Rey y Sánchez a varios provedores de Melide, Arzúa, Sobrado, Ordes, A Estrada, Friol e Palas

O Sindicato Labrego denuncia o impago da láctea melidense Rey y Sánchez a varios provedores de Melide, Arzúa, Sobrado, Ordes, A Estrada, Friol e Palas

11 de Febreiro do 2011

Lasurgal

A Empresa láctea de Melide Rey y Sánchez S.L. leva xa moito tempo atrasando o pago aos seus provedores, produtores e produtoras de leite de varias comarcas do centro de Galiza. Están afectadas explotacións de concellos como Melide, Arzúa, Sobrado ou Ordes, na provincia da Coruña; A Estrada, en Pontevedra; ou Palas de Rei e Friol, en Lugo.

Estes atrasos fóronse incrementando pouco a pouco, co paso do tempo, até chegar á categoría de impagos que teñen neste momento, xa que moitas explotacións levan varios meses sen cobrar (hai casos de explotacións afectadas que acumulan seis meses sen cobrar). Esta situación estase a converter en insoportable para os/as titulares das explotacións que, en plena suba de custes de produción (cereais, pensos, gasóleo, fertilizantes, etcétera), teñen que financiar do seu peto unha actividade cada vez máis cara pola que, por riba, non cobran. De feito, de continuar así, moitas explotacións terán que pechar por falta de liquidez.

Moitos e moitas destas productoras e productores xa reclamaron a débeda facendo valer a recentemente posta en vigor da Lei de Morosidade, pero non obtiveron resposta.

Diante desta situación, o SLG tentará que, nos vindeiros dias, todas estas persoas se poidan reunir coa industria co fin de buscar unha solución a esta situación; solución que, obrigatoriamente, terá que pasar por que a empresa asuma os pagos pendentes.

No caso de que isto non aconteza, non quedará máis remedio que os afectados e afectadas reclamen no xulgado as súas débedas, denuncia na que o Sindicato Labrego Galego xa puxo a traballar aos seus servizos xurídicos.

Dende o Sindicato Labrego consideramos inaceptable que unhas ducias de explotacións leiteiras teñan que pagar a crise dunha industria, unha crise da que non son culpábeis e que pode obrigalas a pechar. Non parece moi ético que as explotacións se queden sen cartos por financiar á industria que lles merca o leite.

A maiores, o Sindicato Labrego tamén denuncia a inhibición da Administración diante deste problema e doutros semellantes que está a sufrir o sector leiteiro. Cando xorden conflitos como este de Rey y Sánchez cos seus provedores de leite, a Xunta e a Consellaría de Medio Rural miran para outro lado, deixando a produtores e produtoras nun flagrante estado de indefensión diante dos impagos.

Lasurgal 2