A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG critica un Real Decreto do Sector Lácteo baleiro de contido e que non toca os problemas do sector

O SLG critica un Real Decreto do Sector Lácteo baleiro de contido e que non toca os problemas do sector

6 de Abril do 2011

Non hai imaxe

O pasado luns saíu publicado o prometido Real Decreto do Sector Lácteo que se nos viña vendendo, dende hai meses, como solución a todos os problemas do sector; e que ía significar que todo o leite cru se había vender, a partir de entón, con contrato e con prezo “negociado”, aínda que non se sabía por quen.

Cal non sería a nosa sorpresa cando lemos o Real Decreto no BOE, e observamos que nada do prometido era verdade. Nin o leite se vai vender con contrato obrigatorio, nin vai a haber negociación. E iso, a pesares de que o texto debatido e acordado antes da súa publicación no BOE contemplaba no art. 10 a obrigatoriedade dos contratos (axuntamos documento orixinal en pdf), dicindo que “todas as entregas de leite cru que teñan lugar en España serán obxecto de contratos escritos entre produtores e compradores”. No decreto publicado no BOE este luns (tamén se axunta), o artigo referente á obrigatoriedade do contrato desaparece.

O Sindicato Labrego Galego baseou todas as súas críticas ao proxecto de Real Decreto na obrigatoriedade para contratos sen un prezo negociado colectivamente que estaba prevista, pois estaba en contra de que fose obrigatorio un contrato que podía fixar prezos cos que non estivesen de acordo as explotacións. Nembargante, o feito de que se obviase, finalmente, esa obrigatoriedade, non fai mellor o texto publicado no BOE.

Quitando que o Ministerio de Medio Rural enganase a todos os axentes do sector coas negociacións sobre o Real Decreto, isto corrobora que non hai ningunha intención pola súa parte de buscar solucións á crise do sector leiteiro. O único que demostrou o MARM até o de agora foi a súa intención de quedar ben sen gastar un peso.

Dende o Sindicato Labrego Galego, temos que denunciar que o Real Decreto do Sector Lácteo non é máis que pura propaganda para lavar a cara diante do electorado rural antes das eleccións municipais que se aveciñan.

Tamén denunciamos que o Real Decreto vai perpetuar a crise do sector lácteo, xa que o Ministerio de Medio Rural non artella ningunha acción para solucionala; e manifesta, unha vez máis, a falla de valentía á hora de defender unhas políticas que de verdade favorezan ao sector lácteo e que deberían verse traducidas en medidas como:

  • A fixación de prezos mínimos que cubran os custes de produción e deixen unhas rendas dignas nas explotacións.

  • Negociación colectiva do prezo do leite nun foro onde estean representados todos os axentes do sector e que conte coa arbitraxe da Administración.

  • Control sobre a produción e regulación do mercado de carácter público.

Só unha política leiteira baseada nestes piares poderá garantir o futuro do sector, e tanto o Goberno do Estado, coma o Goberno Galego, deberían preocuparse de defender estas medidas en Bruxelas en troques de seguir enganando á xente con decretos e declaracións completamente baleiras de contido.