A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Coordinadora Europea da Vía Campesina: Na crise porcina non hai demasiados produtores e produtoras, senón demasiados porcos.

Coordinadora Europea da Vía Campesina: Na crise porcina non hai demasiados produtores e produtoras, senón demasiados porcos.

8 de Abril do 2011

Porco

Sen control europeo da produción porcina nin reorientación das súas formas predominantes de produción, o sector porcino non sairá da súa crise estrutural e non responderá aos retos de emprego agrícola, de medio ambiente e de equilibrios territoriais.

Xa que, dende hai varios anos, o prezo do porco na produción fica por baixo dos custes de produción, o aumento do valor dos cereais agravou unha situación de crise estrutural recorrente. Este é o caso particular daqueles que se volveron dependentes da espiral investimentos-débedas.

Para a Coordinadora Europea da Vía Campesina, a Unión Europea debe enfrontarse ás raíces estruturais da crise:

  • Aínda que o número de produtores e produtoras non parou de caer na UE, e aínda que o número de porcos non parou de aumentar, a sobreprodución estrutural non se debe ao número de produtores e produtoras, senón ao número demasiado elevado de porcos e ao aumento do seu peso.

  • O aumento do prezo dos cereais non se repercute na cadea. A grande distribución rexeita aumentar os prezos en proporción aos custes. Unha transparencia real e unha nova distribución das marxes é indispensable ao longo da cadea.

  • A ausencia de control da produción europea ligada ao consumo na UE impide toda estabilización do prezo.

  • A dependencia extrema da produción fronte ás importacións de soia (resultante dos acordos internacionais da UE dende 1962, fai desta produción un sector fráxil, que non controla un dos seus custes de produción maiores. Ademais, esta dependencia enfronta á UE coas importacións de soia transxénica.

  • O proceso sen fin da industrialización da produción, con explotacións cada vez máis grandes e investimentos cada vez maiores, está inxustificada debido ás necesidades do sector produtor e dos consumidores e das consumidoras. Non favorece máis que á industria. Non responde aos desafíos do medio ambiente, da saúde e do benestar animal.

  • Este modelo predominante de produción costa caro aos contribuíntes:

  • Contaminación da auga, do mar, dos solos: compra de auga mineral, factura da auga, algas verdes nas costas, etcétera.

  • Subvencións públicas para os tratamentos de zurros.

  • Apoio aos investimentos.

As falsas solucións do lobby agroindustrial

O COPA e a industria rexeitan repensar a lóxica actual do sector e preconizan unha fuxida cara adiante destrutora:

  • Reestruturación da produción: como xa se dixo, isto non resolvería para nada a crise, senón que diminúe unicamente os custes industriais de antes e de despois, facendo desaparecer un gran número de explotacións. Custa moi caro en termos sociais e rurais á Unión Europea.

  • Flexibilidade nas importacións de soia transxénica: Isto é, trala cuestión porcina, unha teima desenfreada para facer entrar transxénicos masivamente en Europa. Cómpre repensar mellor a cuestión da produción de proteínas vexetais europeas, sen transxénicos, por suposto.

  • Tratamento de zurros: A fuxida cara a explotacións industriais supostamente “limpas”, omite mencionar que moitas rexións afectadas non respectan a lei dos nitratos e son obxecto de cómplices derrogacións. Seguindo boas prácticas agrícolas, os zurros deberían volver ás terras de cultivo destinadas á alimentación dos porcos, en troques de acumularse preto dos portos de importación de soia. Isto implica, a longo prazo, un mellor reparto da produción porcina no territorio europeo.

  • Garantía de ingresos: é a solución errónea daqueles que rexeitan o control. En troques de impedir a superprodución, búscase compensar con fondos públicos e cotizacións aos produtores e produtoras a perda de ingresos ligada ao baixo custe do prezo do porco. Máis vale actuar máis arriba e regular a oferta.

Proposicións da ECVC

  • Controlar a produción a nivel europeo e estatal: É unha condición necesaria para unha renda dos produtores e produtoras que sexa xusta. O prezo do porco debe cubrir os custes dunha produción porcina sostíbel. Débese axustar a produción europea en función da demanda europea. Nun primeiro intre, hai que ter en conta as producións estatais na actualidade e controlalas en cada estado membro. A medio prazo, para facer fronte aos desafíos medioambientais e territoriais, a produción debería reorientarse para un mellor equilibrio rexional e medioambiental.

  • Limitar progresivamente o tamaño das explotacións fixando un limiar máximo de porcos por explotación e por hectárea. A curto prazo, prohibir calquera ampliación e calquera explotación de porcino nova máis alá deste limiar.

  • Parar a concentración da produción, que diminúe o número de gandeiros e gandeiras en troques do número de porcos. As cooperativas e agrupacións produtoras debe parar de empurrar ás pequenas explotacións a deixar a actividade. Este proceso semella non ter fin e destrúe as explotacións e o tecido rural.

  • Cesar a posición agresiva da Unión Europea sobre os mercados exteriores (cando a UE importa un 75% das súas proteínas vexetais), a cambio dun control das importacións.

  • Reorientar os modelos de produción vinculando a gandería ao solo da explotación e non ao solo de Sudamérica. Isto é unha condición indispensable para deter a contaminación das augas e das costas e para recobrar a fertilidade a longo prazo dos solos europeos e de Sudamérica. A directiva de nitratos non debe sufrir máis derrogacións. O tratamento industrial de zurros non debe beneficiarse máis de financiamentos públicos.

  • Castración dos leitóns: A Coordinadora Europea da Vía Campesina oponse á inxección de Improvac-R, produto Pfizer vendido como “vacina”, que actúa directamente sobre a hipófise dos porcos e cuxas consecuencias sobre a saúde humana e porcina son incertas. A Coordinadora Europea da Vía Campesina propón que se controle o peso dos porcos que van ao matadoiro, e que se someta a un test de olor. Mentres non haxa un verdadeiro debate sobre esta cuestión e esta proposta non vaia para adiante, as explotacións deberían poder continuar practicando unha castración con analxésico.