A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Varias explotacións das bisbarras da Costa da Morte e Ordes denuncian a Lácteos Tambre por impago

Varias explotacións das bisbarras da Costa da Morte e Ordes denuncian a Lácteos Tambre por impago

27 de Abril do 2011

Rolda de prensa

Gandeiros e gandeiras das comarcas de Fisterra e Ordes, xunto á secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, ofreceron hoxe, 27 de abril, unha rolda de prensa para denunciar os impagos da empresa Lácteos Tambre (Sigüeiro, Oroso) correspondentes ao leite vendido do primeiro trimestre de 2011. Estas débedas van dos 3.000 euros que se lles debe a moitas, até algún caso que acumula facturas sen pagar que pasan dos 30.000. 

Aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en dous municipios (Muxía e Tordoia), poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galiza, habida conta de que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, entre outras; e de que moitos gandeiros e gandeiras de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa, non quixeron denunciar publicamente a súa situación por temor a represalias.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, denunciou a actitude da empresa ao “xogar co medio fundamental de vida” das explotacións afectadas; e anunciou -tras esgotar todas as vías posibles- o inicio de accións xudiciais para reclamar “o diñeiro que legalmente é destas explotacións”. Neste senso, Freire lembrou que Lacteos Tambre “está a incumprir flagrantemente a Lei de Morosidade, que obriga a pagar no prazo máximo dun mes os produtos frescos coma o leite”.

A maiores, a secretaria xeral do SLG denunciou tamén a actitude da Consellaría de Medio Rural neste conflito, á que acusou de “estar totalmente desaparecida” e de inhibirse completamente dos problemas da xente. Respecto disto, Carme Freire explicou que unha das escusas esgrimidas por Lácteos Tambre para non pagar é que está pendente de recibir un crédito do Igape, pero que non dá obtido o aval da Xunta, polo que, agora mesmo, “hai familias que se van ver obrigadas a pechar a súa explotación e a buscar outro medio de vida por culpa da desidia de Medio Rural”.

Tamén falaron os gandeiros e gandeiras afectados polas débedas, como Benito Pose e María Valdivieso, de Muxía; ou Feli Mato, Celina Juncal e Xosé Manuel Liste, de Tordoia, e compartiron cos e coas xornalistas a situación dramática que están a vivir. “Seguimos a ter os mesmos gastos”, declararon, “pois temos que seguir mantendo as vacas, seguir pagando a electricidade e o gasóleo, os seguros... Hoxe vívese ao día, e levamos tres meses sen cobrar. ¿Que facemos? ¿Pedimos un crédito para poder comer?”. Así e todo, están dispostos e dispostos a reclamar o que é seu polos medios que a lei lles dá: “Que saiban que non estamos aquí para pedir esmola, nin vimos aquí a axeonllarnos. Vimos aquí a pedir o que é noso, o que gañamos co noso traballo. Eles teñen o noso leite e os nosos cartos”.

Denuncia Lácteos Tambre

 

undefined

Ficheiro adxunto