A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego oporase a calquera tentativa de crear outra marca para a carne de vacún na Galiza fóra da IXP Ternera Gallega

O Sindicato Labrego oporase a calquera tentativa de crear outra marca para a carne de vacún na Galiza fóra da IXP Ternera Gallega

26 de Agosto do 2011

Rolda de prensa

O responsable do sector de vacún de carne do Sindicato Labrego Galego, Xosé Luís López Galán, e o coordinador dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso, ofreceron unha rolda de prensa, o pasado 26 de agosto, para amosar o total apoio desta organización agraria á IXP Ternera Gallega. E este apoio dáse en oposición á tentativa de crear unha marca baixo o nome de VAC 1, iniciativa que agora renace sen ter nada que ver coas súas intencións orixinais, despois de que fose creada pola Consellaría de Medio Rural do bipartito na Xunta. 

O selo VAC 1 creouse no seu día, sen éxito e sen continuidade, para dar saída comercial á carne das vacas de desvelle da raza Frisoa saídas da produción leiteira. Sen embargo, agora hai un grupo de interese que está facendo presión para impulsar de novo esa marca VAC 1, pero desta vez aberta a todo tipo carnes de vacún, incluída a daqueles becerros amparados por Ternera Gallega que non teñen a categoría Suprema.

Crear a marca VAC 1 como competidora da IXP Ternera Gallega sería un gravísimo erro que lle custaría moi caro ao sector. En primeiro lugar, é un erro porque a IXP, agora mesmo, non dá cuberto a demanda en épocas do ano como o verán, polo que en vez de crear outro selo habería que aumentar a produción de calidade adscrita á IXP para cubrir toda a demanda existente de carne de vacún galega durante todo o ano.

Ademais, dado que a Consellaría de Medio Rural non dixo palabra ao respecto, no SLG deducimos que a iniciativa de crear o selo VAC 1 é totalmente privada, polo que estariamos a falar dunha marca exenta dos rigorosos controis de calidade que ten a IXP Ternera Gallega e que podería destruír en pouco tempo un prestixio labrado durante décadas que fai que, hoxe en día, o selo de Ternera Gallega sexa o da carne certificada máis vendida no Estado Español.

Por todo isto, o Sindicato Labrego anuncia que calquera tentativa de crear un novo selo para a carne de vacún da Galiza, aparte da IXP Ternera Gallega, se atopará coa súa máis frontal oposición.

Publicidade Ternera Gallega