A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O conselleiro do Medio Rural vende fume.

O conselleiro do Medio Rural vende fume.

5 de Decembro do 2008

Imaxe de arquivo

O SLG acusa á CMR de adoptar medidas que non resolven a situación do sector e que mesmo contribúen ao peche de explotacións agrogandeiras

Diante das declaracións vertidas onte en rolda de prensa polo Conselleiro do Medio Rural, emitidas para que a sociedade en xeral interprete que devandita Consellaría vai facer unha inxección de capital ás explotacións de leite -como as que se veñen de aplicar aos bancos e empresas- o Sindicato Labrego Galego quere aclarar varios aspectos destas cacarexadas axudas ao sector:

-Alfredo Suárez Canal anunciou onte que van baixar os pensos. Ao SLG parécenos ben que despois de 6 meses baixando o cereal, comecemos por fin @s labreg@s a notar no penso esta baixada. O que descoñeciamos é que é o conselleiro quen o baixaba -de ser así xa podía telo feito antes-, mais agora que temos coñecemento destes seus poderes, a nosoutr@s gustaríanos máis que os empregara para subir o prezo do leite.

-Publicitouse tamén que vai haber axudas públicas para os gandeiros (e agardamos que tamén para as gandeiras) que asinen o CES. Vale. Mais despois de 7 meses dende que se solicitaron, aínda non hai ningunha axuda aprobada, que nos saibamos. Máis ben o que semella que vai pasar é que as explotacións que en anos anteriores cobraban axudas agroambientais, hogano van ficar sen agroambientais e sen CES.

 

-Noutra orde de medidas, cómpre tamén que a Consellaría valore se considera dabondo que un 10% das explotacións de leite reciban as axudas (falouse de 1,300 explotacións dun total de 13,000), condenando ao 90% restante á súa desaparición.

-Suárez Canal tamén notificou que vaise comezar a cobrar o Pago Unico da PAC. Pois coma todos os anos por decembro! Con todos os gobernos, que nos saibamos, cobrouse a PAC en decembro. É máis, neste ano o importe do Pago Único resultou mermado polo efecto da modulación e outras reducións.

-No tocante ao anuncio do refinanciamento das explotacións endebedadas pola compra de cota. Outrora fíxoselles comprar o que agora non serve, e gastaron moitos millóns en pagala, van agora a "refinancialas" e seguirlle dando diñeiro aos bancos para que as explotacións sigan a pagar algo que dentro de pouco xa non existe?

-Finalmente, o que constitúe un feito de máxima irresponsabilidade é o anuncio de bonificación para as industrias que asinen contratos homologados.

O Sindicato Labrego Galego esixe ao Conselleiro que retire inmediatamente esta medida, xa que significa bonificar a eliminación de explotacións ao seguiren sendo as industrias as únicas que lle poñen o prezo aos contratos.

Esta medida de apoio alentará ás industrias a impoñer o maior número de contratos posíbeis para obter a axuda anunciada pola CMR, para o cal empregaran as mesmas tácticas de presión das que xa fixeron uso anteriormente para provocar o descenso de prezos: ameazas de non recollida.

O que nos demostrou onte o conselleiro é que non hai ninguén tan bo coma el contando milongas e vendendo fume, se cadra ese é o eixo e o éxito do seu traballo.

 

Moitas grazas pela vosa atención.

 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

Xabier Gómez Santiso, Coordenador de Sectores Gandeiros no SLG

TLF: 660 215 335

Ficheiro adxunto