A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A Consellaría de Medio Rural comprométese co SLG a abordar o problema dos impagos ás explotacións lácteas

A Consellaría de Medio Rural comprométese co SLG a abordar o problema dos impagos ás explotacións lácteas

26 de Xaneiro do 2012

Impagos leite

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego reuniuse hoxe, 26 de xaneiro en Compostela, coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para trasladarlle o problema de impagos que están a sufrir moitas explotacións na Galiza por parte das empresas que lles recollen o leite como Lácteos Tambre, Queixería Macán ou Eugenio Rey. A delegación do SLG estivo formada pola secretaria xeral da organización, Carme Freire; a responsable da Dirección do Leite, Lupe Prado; e catro gandeiras afectadas.

Á saída da xuntanza, as integrantes da comitiva explicaron que a conselleira de Medio Rural fora receptiva cos seus problemas, comprometéndose a expresar publicamente o apoio da Consellaría ás explotacións afectadas; e estudando medidas de presión ás empresas para obrigalas a saldar as súas débedas e para que este tipo de prácticas empresariais abusivas non se repitan. Resposta da Consellaría de Medio Rural.

Previamente, nos exteriores do edificio administrativo de San Caetano, houbo unha concentración de protesta que estivo apoiada pola Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego, e á que acudiron máis titulares de explotacións afectadas polos impagos. Carme Freire lembrou que “levamos máis dun ano denunciando un problema de impagos no que determinadas empresas lácteas campan ás súas anchas, pois a pesares de que acudimos aos xulgados e obtivemos fallos favorables, aínda non se cobrou nin un céntimo”.

Precisamente, esta situación de impotencia e a falla de resposta, até o de agora, dos poderes públicos, foi o que animou ao Sindicato Labrego e ás explotacións afectadas a trasladarlle este problema directamente á conselleira de Medio Rural. “Isto non pode seguir así e alguén ten que poñer fin ás prácticas destas empresas”, declarou a secretaria xeral do SLG, pedindo a continuación “que se habiliten medidas dende a Administración para que estas empresas non poidan decidir arruinar as nosas vidas cando queiran e como queiran; e para que non poidan seguir incumprindo, impunemente, leis como a de morosidade”.

Toda esta problemática resúmese de maneira gráfica no caso de María Valdivieso e Benito Pose, que rexentan unha explotación en Muxía á que Lácteos Tambre lles debe máis de 3.000 euros. “Levamos máis dun ano agardando para cobrar” explicou María “mesmo o xuíz fallou a favor nosa. Temos a lei da nosa parte, pero tamén necesitamos o apoio da Administración, e por iso estamos hoxe aquí. Esperamos que non sexan xordos, que non sexan mudos, e que nos apoien”. María tamén expresou o sentir unánime dos gandeiros e gandeiras que se atreveron a denunciar a Lácteos Tambre, co apoio do Sindicato Labrego: “Non nos imos cansar e imos continuar loitando. Coa moral non nos van acabar, e coa nosa dignidade tampouco. Non vimos aquí pedir esmola, vimos reclamar o que é noso: os nosos cartos, que os necesitamos para comer e para sobrevivir”.

Aínda que as explotacións apoiadas polo Sindicato Labrego Galego e que se atreveron a denunciar son seis -que en conxunto teñen unha débeda contraida con Lácteos Tambre duns 60.000 euros-, as explotacións afectadas son moitas máis, o mesmo que as empresas lácteas morosas. Carme Freire explicou que “se hoxe non hai máis gandeiros e gandeiras aquí é porque estas empresas practican unha estratexia do medo e a xente ten medo ás represalias”.

Concentración impagos

 

 

undefined