A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego Galego pide sistemas de control na medición do leite polas cisternas das empresas

O Sindicato Labrego Galego pide sistemas de control na medición do leite polas cisternas das empresas

31 de Xaneiro do 2012

Cisternas

O Sindicato Labrego Galego vén de constatar o cambio de empresa de recollida por parte de varias explotacións que lle fornecían a Leite Río na comarca de Betanzos. A baixa producíase ao sospeitar estas explotacións que os sistemas de medición das cisternas da industria devandita poderían estar computando menos cantidade de leite que a recollida realmente.

A inexistencia dun sistema de medición oficial nas cisternas de recollida que evite a fraude está a alimentar no sector a sospeita xeneralizada de que algunhas empresas pagan menos leite do que recollen; o cal, de ser certo, sería unha estafa amparada pola falla de controis da Administración e un lastre máis para un sector que, como é o lácteo, ve constantemente reducida a rendibilidade do seu traballo polos prezos miserables que impón a industria e as constantes subas dos custes de produción.

Por todo o devandito, dende o SLG demandamos un sistema de medición oficial que impida a fraude, do mesmo xeito que existe noutros sectores, como as gasolineiras; e que dea garantías ás explotacións para que recuperen a confianza perdida.