A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Isabel Vilalba defendeu no Comité Consultivo do Leite da UE o control da produción e dos mercados para garantir a continuidade das explotacións labregas

Isabel Vilalba defendeu no Comité Consultivo do Leite da UE o control da produción e dos mercados para garantir a continuidade das explotacións labregas

7 de Marzo do 2012

Isabel Vilalba

Isabel Vilalba Seivane, membro das executivas da Coordinadora Europea da Vía Campesina e do Sindicato Labrego Galego, participou, o 6 de marzo, en Bruxelas, no Grupo Consultivo do Leite da Unión Europea (GCL) en representación do sector produtor. Na súa intervención, Isabel Vilalba criticou a orientación exportadora da política leiteira europea, nun contexto global no que o consumo internacional dos lácteos comunitarios se estancou ou está á baixa, cun parón nas compras de países como Rusia ou China, e co aumento da produción de competidores como Australia, Estados Unidos ou Arxentina.

Isabel Vilalba denunciou que “coa escusa de ser competitivos no mercado internacional, a industria impón unilateralmente prezos mesmo por baixo dos custes de produción, arruinando a miles de explotacións en toda Europa e en terceiros países”. As diversas intervencións no GCL ilustraron esta afirmación. Mentres que representantes da industria, como o Rabobank de Holanda, defendían un prezo para o leite en orixe entre 27 e 31 céntimos en aras de sermos competitivos; a Comisión Europea informaba que o custe de produción medio nunha explotación leiteira comunitaria está nos 30 céntimos. É dicir, a política exportadora só sería posible a costa de manter o prezo do leite a niveis de miseria e de seguir arruinando a economía de miles de explotacións.

Neste senso, Isabel Vilalba puxo o exemplo do noso país para exemplificar o impacto deste tipo de políticas, explicando que “Galiza é a principal zona produtora de leite do Estado Español. Aínda así, a industria impuxo prezos medios entre 0,28 e 0,31 euros no 2011, nun ano no que a enerxía subiu un 17,7%, os fertilizantes un 20%, o gasóleo un 12,5% e a alimentación para o gando un 21%”. Tamén denunciou abusos que se levan a cabo con total impunidade por parte das grandes distribuídoras, como por exemplo Continente, que chegou a poñer ofertas de leite cun prezo final de 13 céntimos por litro en Portugal.

Centrándose xa máis na reforma da política leiteira comunitaria, Isabel Vilalba dixo que “non achega solucións aos problemas que orixinaron a crise do 2009. Os contratos que se propoñen responden os intereses da industria, e non aos intereses da parte produtora nin da consumidora; e as organizacións de produtores e produtoras (OPL) non van ter máis poder negociador se non hai unha regulación da produción”.

Precisamente, Vilalba criticou a intención de suprimir os controis sobre a produción leiteira tirando do exemplo de Suíza, onde “a desregulación  no mercado do leite levou a unha situación catastrófica con prezos ruinosos con diferenzas entre uns produtores e outros de máis de 10 céntimos por quilo de leite da mesma calidade, unha sobreproducción que non é absorbida polo mercado, prezos con dumping (por baixo dos custes de produción) para as exportacións, miles de tenreiras de poucos días sacrificadas porque non se dan vendido e unha interprofesional que non ofrece solucións a esta crise.

Tanto dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina, como dende o Sindicato Labrego Galego, defendeuse que se regulen o mercado e a produción, pois é o único xeito de poder garantir uns prezos mínimos que cubran os custes de produción, e de manter un tecido de explotacións leiteiras labregas e sustentables en todas as rexións da UE con vocación leiteira que poidan vivir dignamente da venda de produtos lácteos de calidade.

Isabel Vilalba rematou a sú intervención dicindo que “a estabilidade é básica para o futuro do sector, para o emprego, para a economía e tamén para o relevo xeracional nas explotacións. Non podemos comprometer por unha visión cortoplacista o futuro do sector. O 23 de xaneiro no Consello Europeo de Ministros e Ministras de Agricultura, seis ministros manifestaron as súas reticencias coa proposta de desaparición do sistema de cotas no 2015. Desde a Coordinadora Europea Vía Campesina e dende o Sindicato Labrego Galego, facemos un chamamento á responsabilidade dos estados e da Comisión Europea para manter unha regulación da produción e do mercado que responda os desafíos de creación de emprego e de riqueza, de mantemento do territorio e do medio ambiente, cunha produción leiteira sustentable baseada nas forraxes das distintas rexións europeas”.