A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG denuncia ante os grupos parlamentarios do BNG e do PSOE os impagos das lácteas ás explotacións

O SLG denuncia ante os grupos parlamentarios do BNG e do PSOE os impagos das lácteas ás explotacións

27 de Marzo do 2012

Búscase empresa honrada

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego mantivo hoxe, 27 de marzo, xuntanzas cos grupos parlamentarios do PSdG-PSOE e do BNG para falar da problemática que están padecendo moitas explotacións por mor da morosidade de Lácteos Tambre, empresa que debe varios meses de entregas de leite dende hai máis dun ano.

Por parte do SLG asistiron a súa secretaria xeral, Carme Freire, o membro da Executiva do sindicato, Xosé Manuel Calvo Rei, e gandeiros e gandeiras afectados polos impagos; mentres que polos partidos políticos, Sonia Verdes representou ao PSdG e Tareixa Paz ao BNG.

A intención do SLG con estes encontros foi a de obter o apoio explícito ás explotacións afectadas por parte dos partidos políticos con representación do Parlamento Galego. Previamente, o 26 de xaneiro, o SLG xa obtivo o pronunciamento a favor dos gandeiros e das gandeiras por parte de Medio Rural, tras manter unha reunión coa conselleira Rosa Quintana1.

Tralas xuntanzas, tanto o BNG como o PSOE comprometéronse a presentar iniciativas ou preguntas no Parlamento de Galicia para que a Consellaría de Medio Rural explique as medidas que ten pensado pór en práctica para solucionar esta problemática e evitar que se volva repetir no futuro. Ademais, dende o Sindicato Labrego Galego tamén se lle pediu a ambos partidos que fagan público o seu apoio ás explotacións afectadas e condenen a actitude de empresas morosas como Lácteos Tambre, que seguen operando no mercado do leite con total impunidade.

Fallos xudiciais a favor das explotacións

As explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre denuncian que se lles debe leite recollido durante o primeiro trimestre de 2011, con débedas que van dos 3.000 aos 7.000 euros, segundo o caso. En total, son sete as explotacións que asesoran os servizos xurídicos do SLG e que se atreveron a levar os impagos aos xulgados de Ordes, obtendo varias sentenzas favorables.

Aínda que os gandeiros e gandeiras denunciantes teñen as súas explotacións en Muxía, Tordoia e Arzúa, poderían estar afectados ducias de concellos e explotacións en toda Galiza, habida conta de que Lácteos Tambre recolle leite en comarcas como Fisterra, Xallas, A Barcala, Compostela, Arzúa, Deza ou Tabeirós-Terra de Montes, entre outras; e de que moitos gandeiros e gandeiras de quen se ten constancia que tamén teñen débedas pendentes coa empresa, algunhas de até 30.000 euros, non quixeron denunciar a súa situación por temor a represalias.

Xuntanzas BNG PSOE