A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As graves deficiencias nas campañas de saneamento gandeiro poñen ao borde da ruína a moitas explotacións

As graves deficiencias nas campañas de saneamento gandeiro poñen ao borde da ruína a moitas explotacións

22 de Maio do 2012

Rolda de prensa

O Sindicato Labrego Galego ofreceu, o 22 de maio, unha rolda de prensa para denunciar as graves deficiencias e irregularidades nas campañas de saneamento gandeiro que se desenvolven na Galiza. Na rolda participaron a secretaria xeral do SLG, Carme Freire; o secretario de Sectores Gandeiros, Adolfo Cabarcos; e o afiliado e gandeiro da Baña, Cándido Iglesias.

A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, centrou a cuestión explicando que “moitas explotacións gandeiras de todo tipo -vacún, caprino, ovino- están tendo serios problemas económicos por irresponsabilidade política e polo xeito en que se están abordando as campañas de saneamento gandeiro de Galiza”. En concreto, Freire afirmou que “na detección de enfermidades, por parte do persoal encargado do saneamento gandeiro, que traballa para a Consellaría de Medio Rural, están proliferando falsos positivos que obrigan a sacrificar obrigatoriamente unha parte importante das cabanas gandeiras sen que exista a certeza de que os animais estean realmente enfermos. Isto débese a que os criterios cos que se fai o saneamento son absolutamente aleatorios e subxectivos, e somete ás explotacións afectadas a unha perda económica gravísima e ao risco de peche”.

Adolfo Cabarcos, secretario dos Sectores Gandeiros do SLG e titular dunha explotación de vacún de carne, analizou as diferencias de criterio e de aplicación de probas diagnósticas por parte do persoal de saneamento, e denunciou que mesmo se está incumprindo o regulamento ao impedir nalgúns casos que se fagan contrastes con segundas probas ou obrigar á retirada de animais antes das 48 horas mínimas que establece a lei.

Rolda de prensa

O caso de Cándido Iglesias, gandeiro de Cabanas (A Baña): 30 vacas sans sacrificadas e impago indefinido das indemnizacións

O caso de Cándido é paradigmático. Este gandeiro de Cabanas (A Baña) xestiona unha explotación láctea con 1.200.000 litros de produción e que dá catro postos directos de traballo. O 23 de setembro de 2011, o matadoiro ao que envía as vacas notificoulle que incinerara unha por tuberculose, sen poder comprobalo. Automaticamente, o xefe de área de Sanidade Animal inmobilizou a súa explotación. Esa mesma semana, fíxose o saneamento ordinario da explotación por persoal de Tragsega, que deu resultado negativo, tanto en tuberculose como brucelose. Nembargante, o xefe de área ordenou inmobilizar tres vacas, das cales unha deu positivo, segundo a Administración. Aos sesenta días, a finais de xaneiro, ordenaron o sacrificio doutras 28 vacas. Tralas probas feitas, ningunha destas 28 vacas resultou estar enferma; nin sequera o estaba a primeira vaca incinerada polo matadoiro. En total, de 31 vacas sacrificadas, 30 estaban sans.

Pasaron catro meses dende os sacrificios e Cándido non viu nin un céntimo da indemnización á que ten dereito e que necesita para repoñer o gando sacrificado, a pesares das promesas de altos cargos da Consellaría de Medio Rural. Meses nos que tivo unha baixada de produción de 1.000 litros diarios, que aínda padece a día de hoxe, cos miles de euros en perdas que iso lle supón. Ademais, ao estar a súa explotación intervida, non poden aleitar aos becerros, polo que os teñen que levar a cebadeiros sen saber canto van cobrar por eles.

Cándido coñece casos semellantes en municipios como Santa Comba, Dumbría ou Mazaricos e, dende o SLG, temos constancia de que isto acontece en toda Galiza. Para Cándido trátase dun “problema de xestión política” e critica “o xeito subxectivo de facer valoracións por parte do persoal técnico de saneamento, obrigando nunhas zonas á inmobilización e ao sacrificio e noutras agardando a ter o resultado das probas de laboratorio, cousa que, no meu caso, teríame aforrado ter que sacrificar trinta vacas e todas as perdas que iso xerou e segue xerando”.

Cándido confesou sentir unha absoluta indefensión e impotencia, e calculou que a súa explotación tardará dous anos en recuperarse “co temor de que no futuro se volvan repetir situacións parecidas”, e padecendo até entón serios problemas de liquidez para facer fronte ao mantemento da granxa e á compra de insumos. “A incerteza é tal”, dixo Cándido, “que nin sequera sei canto cobrarei de indemnización, pois tamén descoñecemos os criterios de valoración dos animais sacrificados”.

 

 

undefined