A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG pide a Mercadona e ao resto da distribución que efectivicen con urxencia os acordos coa industria láctea para subir o prezo do leite en orixe

O SLG pide a Mercadona e ao resto da distribución que efectivicen con urxencia os acordos coa industria láctea para subir o prezo do leite en orixe

21 de Agosto do 2012

Mercadona

Diante dos contactos mantidos estes días por algunhas empresas de leite como Iparlat, provedora de Mercadona, con produtores da Terra Cha, sobre a existencia dun compromiso da compañía distribuidora con esta empresa leiteira para subir no próximo pagamento do leite ás granxas 1,5 céntimos; o Sindicato Labrego Galego pídelle a Mercadona e ao resto da distribución, xunto coa industria que se comprometan con carácter urxente nun proceso de recuperación de prezo para o leite que se lles paga ás explotacións, e evite asía a ruína de miles de familias que en Galiza de xeito directo e indirecto viven do sector lácteo.

Para o sector produtor, é fundamental que Mercadona, que conta cunha cota de mercado no sector da alimentación a nivel estatal do 13,5% e máis de 1.383 supermercados, e o resto da distribución, se comprometan nun sistema que equilibre o reparto de beneficios na cadea de valor, así como en non utilizar o leite como produto reclamo, impoñéndolles aos produtores e produtoras de leite prezos moi inferiores aos custos de produción, como está a acontecer na actualidade.

Con prezos neste último mes de arredor de 27 céntimos por litro fronte a uns custos de produción superiores aos 37 céntimos, os gandeiros e gandeiras ven como a situación se está a volver insostible día a día, empeorando máis aínda as anteriores cifras de xuño e maio de 2012, cando percibiron 29,2 céntimos por litro, prezos que estaban un 5,5% por baixo do prezo medio estatal e un 15,61% por baixo do que perciben os produtores valencianos. O prezo percibido polas gandeiras e gandeiros galegos era un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% inferior ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

Isto é especialmente grave se temos en conta que entre abril e agosto a suba experimentada polos cereais que se empregan nos pensos é dun 21%, e no mes de xaneiro de 2012 o prezo da soia era de 441 dólares a tonelada, mentres que no mes de xullo xa era de 609 dólares. Isto súmase a unha dinámica de perda de poder adquisitivo continuo das explotacións que xa non dá máis de si. Dende o ano 2005, e antes desta última suba, os custos de explotación subiran un 29,6% (os alimentos para o gando subiran un 33,9%, os fertilizantes un 60,2%, os gastos enerxéticos un 50,4%) o que motivou unha caída da renda do 43%.

Dende o Sindicato Labrego Galego, pedímoslle á compañía que preside Juan Roig e ao resto do sector distribuidor que se comprometan, xunto coa industria, na recuperación urxente dos prezos do leite para as explotacións, nun compromiso que a nivel galego tamén o será cos máis de 66.000 empregos que de xeito directo e indirecto xiran arredor do sector leiteiro.