A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As prácticas da distribución destrúen o sector lácteo galego

As prácticas da distribución destrúen o sector lácteo galego

29 de Agosto do 2012

Non hai imaxe

 Despois de recoñecer que as prácticas da distribución están a destruír o sector lácteo galego, o Ministro Miguel Arias Cañete debe pór en marcha medidas obrigatorias e non só pedir boa vontade. O SINDICATO LABREGO GALEGO CONSIDERA DECEPCIONANTE QUE A INDUSTRIA E A MAIORÍA DA DISTRIBUCIÓN SIGAN SEN CONCRETAR ACORDOS PARA A RECUPERACIÓN DE PREZOS DOS PRODUTORES E PRODUTORAS DE LEITE.

O Sindicato Labrego Galego pídelle ao ministro Miguel Arias Cañete que tome
medidas obrigatorias que acaben coa práctica habitual do sector da distribución e
da industria de imporlles ás produtoras e produtores de leite prezos por debaixo dos
custos de produción, no marco de guerras comerciais entre as distintas cadeas.

O Ministerio manifestou que non ía estar indiferente neste momento de enormes

subas dos custos de produción e solicitoulles apoio á distribución e á industria, e que
integrasen nas súas dinámicas empresariais o interese estratéxico do sector lácteo,
sinalando textualmente que “o que se paga polo leite máis as axudas europeas está
por debaixo dos custos de produción.

O SLG valora positivamente o primeiro paso que supón o compromiso do grupo
Asedas no que está integrada Mercadona de chegar a un acordo coa industria para
subir o prezo do leite a gandeiras e gandeiros no pagamento de setembro, despois
da análise da suba dos custos de produción.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego Isabel Vilalba sinalou na xuntanza
co ministro a necesidade urxente de que toda a distribución e a industria se
comprometan con carácter inmediato na suba do prezo do leite que se paga ás
gandeiras e gandeiros, debido á insostibilidade dunha situación na que o prezo de
calquera fórmula de alimentación do gando custa arredor do 130% en relación co
prezo do leite.

Por outra parte, o SLG tamén considera positivo que se inicie un programa de
control da calidade do leite sobre as empresas e a distribución por parte das
comunidades autónomas e do Ministerio, así como a intención expresada polo
ministro de que se poñan medidas para evitar que o paquete lácteo e os contratos se
convirtan nunha ferramenta para poñer na corda frouxa aos produtores e produtoras.

O SLG quere destacar o feito de que o ministro sinalase con claridade que as
prácticas da distribución están a arruinar un sector estratéxico, dado que podemos
estar nun escenario no que desaparezan miles de explotacións, de postos de
traballo, e mesmo chegar nun futuro próximo a depender totalmente das
importacións para acceder a un produto de primeira necesidade como o leite, e que
os prezos de acceso para a parte consumidora sexan moito máis elevados e mesmo
se chegue a comprometer a seguridade alimentaria no estado español.

Despois de recoñecer de que como ministro nunca tivo a certeza dunha situación
de dificultade como a que están a pasar as 22.000 explotacións lácteas e de que hai
un gran compoñente social que debería evitar que se empregase o leite nunha
guerra comercial, o ministro emprazou á distribución a unha xuntanza bilateral para o
xoves da semana que vén.

Para o SLG, a actuación do Ministerio non pode ser só pedir boa vontade da
distribución para que deixe de impor prezos ruinosos para as explotacións, posto
que hai claramente ilegalidades que deben ser perseguidas e sancionadas como o
feito de que a distribución impoña prezos de venda que obriguen a un sector a
vender a perdas, haxa acordos recoñecidos pola Comisión da Competencia das
Industrias para impor estes prezos ruinosos, ou que haxa leite francés estandarizado
a 26 céntimos no Estado Español, cando cos prezos que se pagan en Francia máis
os transportes sería imposible que baixase de 33,50 céntimos..

O ministro tamén sinalou que está a traballar co Ministerio Francés sobre o tema
do incremento do prezo dos cereais, indicando que, á parte de algúns outros motivos
como a seca nalgúns países, está a ser determinante a especulación dos mercados
de futuros para esta volatilidade. Dende o Sindicato Labrego Galego, queremos
lembrar que está volatilidade que está a comprometer a alimentación da nosa
gandeiría, tamén é responsable da fame de millóns de persoas no mundo. Por isto,
demandámoslles as administracións estatais e europeas medidas urxentes e
decididas que acaben dunha vez por todas co volatilidade de prezos e coa
especulación financeira no mercado de alimentos.