A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG pide que se paralice a obrigatoriedade dos contratos mentres non se garantan prezos dignos para o leite

O SLG pide que se paralice a obrigatoriedade dos contratos mentres non se garantan prezos dignos para o leite

27 de Septembro do 2012

Leite produto reclamo

Diante do anuncio feito polo ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, de aprobar o paquete lácteo no Consello de Ministros desta semana, o Sindicato Labrego Galego pide que non se fagan aínda obrigatorios os contratos por considerar que se trata dunha decisión precipitada e errónea que afondará aínda máis na crise de prezos que sufre o sector, especialmente na Galiza, onde o valor do leite en orixe é un dos máis baixos da Unión Europea ao manterse nunha media de 27-28 céntimos por litro.

Isto é así porque non existen mecanismos de negociación dos prezos nin garantía de que estes cubran, como mínimo, os custes de produción nas granxas. De feito, aínda non se estableceron uns índices de referencia para os prezos, nin se rematou o proceso de constitución das organizacións de produtores lácteos (OPLs).

Se o Ministerio de Agricultura porfía nesta decisión, estaralle dando á industria un poderoso instrumento de coacción fronte aos produtores e produtoras, que estarán na obriga de vender o seu leite, aínda que sexa fixando prezos ruinosos nos contratos. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego pedimos unha moratoria na obrigatoriedade de asinar eses contratos, polo menos o tempo suficiente para que se articulen os mecanismos necesarios que permitan negociar e fixar prezos xustos e rendibles para as explotacións antes de asinar ningún contrato.

Por outra banda, o Sindicato Labrego Galego continuou esta semana coa campaña de mobilizacións no sector lácteo xunto ás outras organizacións agrarias. Desta vez, acudiuse ao hipermercado LIDL do Centro Comercial das Termas, en Lugo, onde se fixo unha acción de denuncia contra o leite vendido a prezos de miseria como produto reclamo. Nesta acción participaron membros da Executiva do SLG como a secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, ou Xosé Luís López Galán, Xosé Ramón Cendán e Xabier Gómez Santiso.

Protestas LIDL