A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Os abusos comerciais da industria ameazan con rebentar o proceso de construción de prezos xustos para o leite

Os abusos comerciais da industria ameazan con rebentar o proceso de construción de prezos xustos para o leite

24 de Xaneiro do 2013

Atraco

O Sindicato Labrego Galego vén de constatar presións das industrias lácteas para que as explotacións que lles fornecen asinen contratos retroactivos para o leite vendido nos últimos meses de 2012 a prezos ruinosos. Así, soubemos que Lactalis está presentando agora, en xaneiro, contratos para pagar o leite que mercou en novembro e decembro; tamén Leite Río, que está a ofrecer contratos de seis meses que inclúen o último trimestre de 2012 con prezos de 27 céntimos por litro. 

En resumidas contas, estas empresas tentan forzar a sinatura de contratos para mercar un produto que xa foi vendido, pagado e elaborado, o cal é de dubidosa legalidade. Mesmo houbo o caso dalgunha explotación que deixou de venderlle a Lactalis en decembro para cambiar a outra industria, e queren obrigala a asinar igual. 

Afiliados e afiliadas do SLG tamén denunciaron que estas empresas tentan obrigar a asinar ás explotacións dicíndolles que o contrato é obrigatorio para poder acceder ás axudas da Política Agraria Común (PAC), algo que é totalmente falso e que fan que as prácticas comerciais destas industrias semellen máis unha tentativa de extorsión ou estafa, antes que operacións normais de compravenda.

Para o Sindicato Labrego Galego, este tipo de relacións mercantís abusivas demostran, ás claras, a escasa vontade da industria láctea por tentar chegar a acordos de prezos dignos en orixe que salven ao sector lácteo galego do abismo no que o está afundindo, precisamente, este xeito mafioso de comercializar o leite.

Xusto neste momento, no que se está desenvolvendo e negociando o mellor xeito de establecer un prezo para o leite que cubra os custes de produción e remunere dignamente a actividade gandeira, empresas como Lactalis ou Río ameazan con rebentar os fráxiles acordos acadados no sector trala folga de entregas de novembro. Isto demostra, unha vez máis, que o único xeito de que as industrias xoguen limpamente é impoñéndolles, a través de leis, normas que as obriguen a non pagar nunca por baixo dos custes de produción. Tamén demostra que os contratos en calquera sector agrogandeiro, sen unhas normas e unhas leis que os regulen e impidan abusos como os devanditos, non só non lle serven ás explotacións para nada, senón que as obrigan a ter que aceptar o inaceptable: vender a perdas o produto do seu traballo.

Atraco