A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG esíxelle á Xunta que garanta o pagamento da débeda de Alimentos Lácteos coas explotacións

O SLG esíxelle á Xunta que garanta o pagamento da débeda de Alimentos Lácteos coas explotacións

31 de Xaneiro do 2013

Alimentos lácteos

O Sindicato Labrego Galego quere que a Xunta achegue solucións efectivas á crise da empresa Alimentos Lácteos e, sobre todo, que garanta que as explotacións que fornecen esta empresa, ás que se lles adebeda varias mensualidades, poidan cobrar todos os cartos que lles deben.

Cómpre non esquecer a fonda crise pola que está a atravesar o sector lácteo galego, con prezos en orixe que nin sequera cobren uns custes de produción que, día a día, seguen a alza. Neste contexto, a débeda de Alimentos Lácteos coas explotacións que lle fornecen podería abocar a moitas delas ao peche. Que, por riba, Alimentos Lácteos pretenda eludir a súa morosidade dando participacións no capital social da empresa semella unha burla cara aos produtores e produtoras que están afectados.

Respecto disto último, dende o Sindicato Labrego Galego queremos lembrar que outras empresas como Lácteos Tambre manteñen débedas polo pagamento do leite ás explotacións que lles fornecen e que, lonxe de saldalas, desenvolven todo tipo de artimañas legais para eludir indefinidamente os pagos. E todo isto co visto e prace da Consellaría de Medio Rural, que non fai nada para defender as explotacións. Dende o SLG, agardamos que o departamento que dirixe Rosa Quintana non incorra neste erro tamén no caso de Alimentos Lácteos.

Polo demais, o Sindicato Labrego Galego solidarízase co cadro de persoal da factoría de Alimentos Lácteos e esixe, por todo o devandito, que a Xunta, despois de ter financiado con moitos millóns do erario público a supervivencia desta empresa, artelle un plan definitivo que garanta a súa viabilidade e a de todas as explotacións leiteiras que dependen dela para chegar a fin de mes.