A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Ministerio de Agricultura deixa sen cota á maioría das explotacións galegas

O Ministerio de Agricultura deixa sen cota á maioría das explotacións galegas

30 de Xuño do 2007

Rolda de cota leiteira

A mala nova contrasta co aumento no prezo do leite despois da campaña de mobilizacións conxuntas.

O Ministerio de Agricultura vén de executar o seu plano leiteiro que, tal e como denunciou o SLG no seu día, resultou ser nefasto para Galiza. En efecto, non só reduciu drasticamente a cantidade de cota provinte dos abandonos para o noso país –de 185.595 toneladas pasouse a 53.000-; senón que estes dereitos foron repartidos entre unhas poucas explotacións, ficando excluídas a maioría. Por se non abondase, Madrid retiroulles a cota adxudicada no anterior plan a 178 explotacións que a recibiran por erro administrativo.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra; e o responsábel dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso, denunciaron publicamente, nunha rolda de prensa realizada o 15 de xuño, a discriminación que sufriu Galiza no reparto de cota leiteira con respecto ao plano do Ministerio e Agricultura da pasada campaña 2005-2006.

En efecto, Galiza levará, cos novos criterios de reparto do plan 2006-2007, só 53.000 toneladas de cota, mentres que co plano pasado levou 185.595 toneladas. Isto é así, porque o Ministerio de Agricultura obrigou a que o 80% da cota abandonada ficase na comunidade de orixe, pasando só o 20% á reserva que se reparte entre as explotacións de todo o Estado.

Pero a discriminación non remata aí. E é que os criterios de reparto desa cota levaron a que, este ano, fique en moi poucas explotacións e deixe sen ela ao meirande das solicitantes, xa que se utilizaron criterios de reparto como primar as novas incorporacións ou os investimentos na explotación. Na pasada campaña, repartiuse a cota poñendo como criterio fundamental de preferencia ter menos de 177.000 quilos de produción, o cal permitía que se beneficiasen do reparto o 91% das explotacións galegas. Para o Sindicato Labrego, é positivo que se primen as novas incorporacións ou os investimentos, pero considera ambos como criterios manifestamente insuficientes para facer un reparto de cota equitativo e solidario, tal e como se vén de demostrar.

Estes criterios de reparto supuxeron un grave erro do Ministerio de Agricultura, sobre todo se temos en conta que o nivel de produción leiteira baixou en todo o Estado un 1’7%, mentres que aumento un 2’5% en Galiza; isto debería obrigar a que Galiza, única comunidade que aumentou o seu nivel produtivo, recibise máis cota que o resto do Estado, onde a tendencia da produción leiteira baixa constantemente.

Para o Sindicato Labrego Galego, os planos lácteos que impulse o Ministerio de Agricultura deberían servir para facer viábeis o máximo número de explotacións posíbeis, sobre todo aquelas que carezan de dereitos suficientes como para facer rendíbel economicamente a súa actividade, polo que demandou que o departamento que dirixe Elena Espinosa sente de novo a negociar coas organizacións agrarias un novo plano leiteiro para a campaña 2007-2008 que teña en conta esta premisa e que busque beneficiar ao máximo número de explotacións posíbeis, tal que como fixo co plano 2005-2006.

Retirada de cota a 178 explotacións

Por outra banda, o Sindicato Labrego tamén denunciou a retirada da cota adxudicada co plano 2005-2006 a 178 explotacións galegas ás que se lles concedeu por erro administrativo ao computárselles un criterio de prioridade que non cumprían. Trátase dunha decisión tremendamente inxusta, pois estas explotacións contaban con esa cota –moitas realizaron novos investimentos para adaptarse a ela- e agora quédanse sen nada. Para o SLG, aínda que non cumprisen cun determinado criterio de asignación, algunha cantidade si lles debería corresponder, polo que esta organización agraria non pode aceptar que se lles quite o 100% da cota que se lles asignou.

Suba de prezos

Finalmente, Lidia Senra e Xabier Gómez Santiso aproveitaron a comparecencia ante os medios de comunicación para congratularse pola suba que está a experimentar o prezo medio do leite tras caídas constantes no seu valor dende o ano 2004. Para o Sindicato Labrego, foi fundamentalo a interacción de varios factores, como as negociacións nas mesas do leite, as constantes mobilizacións unitarias –e en solitario por parte do SLG-, ou polo déficit produtivo que se está dando de maneira xeneralizada en toda a Unión Europea (con excepcións como Galiza, que segue a aumentar a súa capacidade produtiva). Desta maneira, as industrias danlle a razón as organizacións agrarias, que denunciaron que unha nova baixada dos prezos non se podía tolerar por non responder a ningunha razón obxectiva de mercado.