A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As 200 explotacións afectadas polo concurso de acredores de Xertigán terán até 17 de outubro para reclamar

As 200 explotacións afectadas polo concurso de acredores de Xertigán terán até 17 de outubro para reclamar

12 de Outubro do 2013

Asemblea Xertigan

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 10 de outubro en Vilalba, unha asemblea informativa para asesorar aos gandeiros e gandeiras afectados/as polo concurso de acredores de Xertigán. A esta xuntanza asistiron unhas 60 persoas, polo que aínda hai moitas explotacións que non son conscientes da importancia de informarse e reclamar a tempo, habida conta de que son unhas 200 as afectadas, fundamentalmente dos municipios de Vilalba, Xermade e Guitiriz e, en menor medida, doutros concellos da Terra Chá.

Dende o intre que se publicou o informe do administrador concursal, o pasado 3 de outubro, comezou a correr o prazo de 10 días hábiles para reclamar, polo que o tempo para facelo expirará o vindeiro xoves, 17 de outubro. Trátase dun dato alarmante, pois as explotacións que queiran recorrer os datos do informe terán que iniciar un complexo e laborioso proceso burocrático para o que se precisan varios días. Mentres estean en prazo, esas explotacións poderán presentar un incidente e reclamar senón están de acordo coas contas que aparecen no informe, tanto no que se refire a débedas que teñan pendentes coa cooperativa, como dereitos de cobro aínda sen ingresar.

Tras cotexalo con varios gandeiros e gandeiras, o Sindicato Labrego Galego puido comprobar que existen numerosos erros nas débedas pendentes de socios e socias coa cooperativa no pago de servizos ou insumos que lle mercaron a esta. Iso débese a que, nos últimos meses de funcionamento de Xertigán, moitos pagamentos á cooperativa fixéronse ao contado e non ficaron reflectidos na contabilidade. As explotacións socias que teñan débedas superiores ás reais con Xertigan e non reclamen atoparanse con que ese débito inflado pasará a ser oficial sen posibilidade de poder recorrelo, a partir do 18 de outubro. E as que reclamen agora, non poden agardar ao último día, pois deben xustificar a súa reclamación recompilando facturas que, en moitos casos, se remontan varios meses atrás.

Para axudar a tramitar estas reclamacións e asesorar en todo o proceso, o Sindicato Labrego Galego puxo a disposición dos gandeiros e gandeiras afectados/as as súas oficinas en Vilalba, na rúa Cidade de Viveiro 1, entrechán. Tamén poden chamar ao teléfono 982 512 431.

A importancia do proceso de compensación

Neste mesmo prazo, as explotacións afectadas tamén poden pedir compensación, que é un proceso no cal se pode restar a débeda que teñen coa cooperativa da cantidade que esta lles debe a elas, xa que isto non se fixo de oficio. Tomando ao azar o caso real dunha explotación que figura no concurso de acredores, esta débelle a Xertigán 785 euros, mentres que a cooperativa aínda non lle pagou entregas de leite por un valor de 19.421 euros; neste particular, e botando man da compensación, esta explotación deixaría de deberlle cartos a Xertigán e tería pendentes de cobro 18.636 €.

Isto é moi importante porque as explotacións ás que Xertigán lles debe entregas de leite poderían atoparse con que a cooperativa, ao final, non ten fondos para pagar e, por riba, si teñan que pagar elas os cartos que lle deben a Xertigán. Polo xeral, a débeda da cooperativa coas explotacións é moito maior que e viceversa, polo que o meirande se pode acoller a este proceso de compensación.

Segundo a responsable do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, “é fundamental que as explotacións de leite pidan esta compensación, pois neste sector as granxas teñen varias entregas sen cobrar por valor de moitos miles de euros e, polo tanto, está en xogo a súa supervivencia. Por norma xeral, a cooperativa débelle as explotacións leiteiras moito máis que estas a ela”. Unha ollada rápida ao informe concursal amósanos que, aproximadamente, o 10% das explotacións acredoras teñen pendentes de cobro entregas de leite por importes superiores aos 20.000 euros. A débeda total de Xertigán ascende a 2.964.885 euros, mentres que os seus dereitos de cobro son de 922.249 euros, polo que é previsible que as explotacións que non reclamen se atopen non só con serios problemas para cobrar o que se lles debe, senón que estarán obrigadas a saldar os seus débitos con Xertigán, na maioría dos casos errados á alza.

Asemblea Xertigan