A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. En contestación ao director do Igape, o SLG pide á Xunta que financie a débeda das explotacións arruinadas por Alimentos Lácteos tal e como fixo antes coa empresa

En contestación ao director do Igape, o SLG pide á Xunta que financie a débeda das explotacións arruinadas por Alimentos Lácteos tal e como fixo antes coa empresa

24 de Outubro do 2013

Alimentos Lácteos

O Sindicato Labrego Galego quere contestar ás declaracións que fixo, o 23 de outubro, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, sobre Alimentos Lácteos, cuxa creba considera “unha lección para todos”, pero remarcando o carácter privado da empresa e limitando as responsabilidades aos administradores da mesma (ler declaracións).

Todos e todas quen aprendemos esa lección sabemos que Alimentos lácteos foi, dende os seus inicios, unha aposta política da Consellaría do Medio Rural, dirixida por Samuel Juárez, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xestionada e baseada en decisións administrativas de políticos populares. Todos e todas sabemos que a Xunta non apostou polo grupo económico capitaneado por Feiraco para xestionar a planta de envasado que Pascual tiña en Outeiro de Rei. Pola contra, a súa aposta tivo dous nomes propios: Eugenio Montero, tenente de alcalde do PP en Touro e presidente da Cooperativa Arzuana; e Arcadio López, tenente de alcalde popular da Pastoriza e presidente da Cooperativa Gancobre. O resultado de todo isto xa o coñecemos e xa falaron abondo del os medios de comunicación: 80 traballadores e traballadoras na rúa, un milleiro de explotacións leiteiras e varias cooperativas con débedas millonarias e 9 millóns de cartos públicos queimados en préstamos -sen contar avais bancarios- que, probablemente, nunca serán recuperados.

Resulta curioso que quen declara que as responsabilidades pola creba de Alimentos Lácteos son privadas e se limitan á acción dos seus xestores sexa Javier Aguilera quen, antes de dirixir o Igape, foi o responsable de Xesgalicia, a sociedade pública de capital risco. Ambas entidades prestaron a Alimentos Lácteos un total de 6.325.730 euros (Xesgalicia, 4.262.930 €; e o Igape, 2.062.800 €). Dende o SLG preguntámonos se o persoal técnico de ambos organismos non viu claro o abismo cara ao que se dirixía Alimentos Lácteos, con perdas millonarias dende o primeiro ano de vida e que non pararon de medrar. Tamén nos preguntamos o que se podería ter feito con todos estes cartos públicos para promover e apoiar ao sector lácteo galego en troques de fundilos nun proxecto absolutamente politizado e de resultados desastrosos para as explotacións e cooperativas leiteiras que, enganadas, se embarcaron nel.

Para o Sindicato Labrego Galego existe unha evidente responsabilidade política na creba de Alimentos Lácteos. Se cadra, é hora de que, cando menos, se depuren responsabilidades na Consellaría de Medio Rural e nos organismos dependentes da Xunta que fixeron posible ese burato millonario nas arcas públicas e na economía dun milleiro de explotacións que acumulan varias entregas de leite sen cobrar.

Dende o SLG esiximos que, para paliar as ruinosas consecuencias ocasionadas nas explotacións afectadas polos impagos de Alimentos Lácteos, a Xunta e os seus organismos públicos que con tanta xenerosidade e rapidez regaron de millóns á empresa xestionada por Eugenio Montero e Arcadio López, fagan agora outro tanto con estas granxas e financien as súas perdas. É o menos que poden facer despois de ter deixado a unha parte importante do sector lácteo galego nunha situación que se podería cualificar de zona catastrófica, e a única maneira de que algúns políticos aprendan a “lección” pregoada polo director do Igape.