A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. As labregas rebelámonos contra os recortes de orzamentos e dereitos que nos abocan a ser as parias desta sociedade

As labregas rebelámonos contra os recortes de orzamentos e dereitos que nos abocan a ser as parias desta sociedade

7 de Marzo do 2014

Contra a lei gallardon

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, e con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, queremos unirnos neste 2014 a tódalas organizacións e colectivos que están a sumar os seus esforzos para facerlle fronte ás constantes agresións que, dende os poderes públicos, se están a perpetrar sobre os nosos dereitos como mulleres.

En primeiro lugar, queremos expresar o noso máis firme rexeitamento á contrarreforma da Lei do Aborto que está a impulsar o Ministerio de Xustiza, dirixido por Alberto Ruiz Gallardón. Estamos en contra deste machadazo que pretende tronzar o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos e as nosas vidas; negámonos a recuar aos tempos escuros da clandestinidade nos que era necesario delinquir e arriscar as nosas vidas se decidiamos non seguir adiante cun embarazo non desexado.

Tamén, dende a Secretaría das Mulleres do SLG, rebelámonos contra a vaga de retalladas que están a demoler boa parte dos servizos sociais, sanitarios, educativos ou de axuda á dependencia dos que dependían e dependen a nosa calidade de vida e, en moitos casos, a nosa supervivencia. Cómpre denunciar, neste senso, que esas retalladas se están a cebar especialmente coas mulleres que vivimos no medio rural e que, decotío, sumamos ao traballo na explotación tarefas como o coidado da rapazada e das persoas maiores ou as obrigas do fogar. A forte suba en servizos como o dos comedores escolares ou das garderías fai que, moitas veces, os nosos fillos e as nosas fillas teñan que renunciar a un dereito do que se beneficiarían de vivir nunha vila; a demolición das axudas á dependencia deixa ás nosas persoas maiores sen asistencia; a inexistencia ou o peche da atención xinecolóxica nos centros de saúde rurais obrígannos a formar parte de interminables listas de espera ou a facer longas viaxes para ser atendidas; as condicións diferenciadas no campo dificultan aínda máis que as vítimas da violencia machista denuncien; a escasa implicación da Administración para promover a titularidade compartida nas explotacións condena a moitas de nós a traballar sen os dereitos laborais máis básicos. Estas son algunhas das problemáticas máis salientables que fan de moitas de nós, labregas que vivimos e traballamos no rural, auténticas parias, escravas dun sistema que nos condena a ser as máis esquecidas entre as esquecidas da nosa sociedade.

Por todo o devandito, dende a Secretaría das Mulleres seguiremos traballando, en solitario ou en colaboración con outros colectivos e asociacións, na loita para que os nosos dereitos se vexan recoñecidos e as nosas demandas cumpridas, durante os 365 días do ano, sexan ou non 8 de marzo. Nesa liña, a Secretaría das Mulleres do SLG, como integrante da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, convoca e apoia a manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro domingo, 9 de marzo, e que saíra da Estación de Ferrocarril ás 12:00 horas.

Contra a Lei Gallardón