A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. O X Encontro de Mulleres do SLG tocará temas como a Lei do Aborto ou o impacto dos recortes nas labregas

O X Encontro de Mulleres do SLG tocará temas como a Lei do Aborto ou o impacto dos recortes nas labregas

28 de Marzo do 2014

Encontro Mulleres en Ourense

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego desenvolverá, durante esta fin de semana, o seu décimo Encontro Anual que, desta vez, terá lugar no municipio lucense de Cervantes, nos Ancares. Así, entre os días 28 e 30 de marzo, un cento de labregas farán obradoiros e debaterán sobre diversas cuestións no Centro de Desenvolvemento Rural de San Román, combinando isto con varias saídas de campo.

O venres pola tarde, trala recepción, a feminista Nanina Santos encargarase do relatorio “O papel do feminismo nas nosas loitas”. Á charla seguirá a dinámica habitual nestes casos, consistente en facer un traballo por grupos do tema tratado, e a posta en común das conclusións ás que se chegue. A primeira xornada rematará con dous actos de alto valor simbólico: en primeiro lugar, un intercambio de sementes entre as participantes, nestes tempos nos que a Unión Europea está lexislando para privatizar e prohibir o dereito dos labregos e das labregas a reproducir, intercambiar e utilizar as súas propias sementes; e, despois, unha cea con produtos cultivados e elaborados polas propias labregas participantes como expresión da nosa aposta a prol da soberanía alimentaria.

A seguinte xornada, sábado 29 de marzo, comezará cun tema de absoluta actualidade que será conducido pola avogada Celia Balboa: “Os posibles cambios a introducir na actual Lei do Aborto”, ao que seguirá tamén un traballo en grupos guiado polas preguntas “Como me fai sentir a min isto como muller, na miña capacidade de decisión sobre o meu corpo, sobre a miña vida?”, ou “Que poderiamos facer como colectivo de mulleres organizados do SLG diante deste recorte dos nosos dereitos?”.

Antes de xantar, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, explicará ás asistentes os principais cambios que traerá a reforma da Lei de Réxime Local. Xa polo serán, as participantes farán unha saída de campo até Piornedo, con visitas a pallozas e camiñadas por rotas de excursionismo. De volta en San Román a última hora da tarde, falarase das loitas que están a levar a cabo grupos de mulleres en zonas de montaña contra os recortes en sanidade.

O décimo Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG rematará o domingo, 30 de marzo, cun relatorio e traballo ao redor da loita que están a desenvolver as Asociacións de Nais e Pais do rural e da montaña diante de problemáticas como o peche de escolas, o recorte no cadro de persoal dos colexios, a supresión de rotas de transporte escolar, o encarecemento de servizos como as garderías ou comedores, etc. A raíz deste debate, poñeranse en común o impacto destes recortes na vida diaria das labregas, e as medidas e actuacións que se poden facer para poñer couto a tanta desfeita. Finalmente, o encontro rematará cunha visita guiada á explotación gandeira de Olga Alba Alonso, en Fonfría (As Nogais), onde está a criar razas de gando autóctonas en ecolóxico.

IX Encontro en Teo

Imaxe de arquivo correspondente ao IX Encontro de Mulleres do SLG, celebrado en Teo a finais do ano 2012

 

Se queres descargar o programa do encontro, preme co rato na seguinte icona:

Ficheiro adxunto