A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. As labregas do SLG analizan a actividade do CDR dos Ancares para paliar o illamento das mulleres de Cervantes

As labregas do SLG analizan a actividade do CDR dos Ancares para paliar o illamento das mulleres de Cervantes

29 de Marzo do 2014

X Encontro nos Ancares

O X Encontro de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que se está a celebrar nos Ancares, entre o 28 e o 30 de marzo, xa chegou ao seu ecuador. Entre o venres e a mañá do sábado, o medio cento de asistentes xa debateron e analizaron, coa participación de expertas como Nanina Santos ou Celia Balboa, cuestións como a aplicación do feminismo no día a día das labregas, o recorte de dereitos que supón a Lei do Aborto impulsada polo Partido Popular, ou o impacto que terá na vida diaria das mulleres que viven no rural a reforma da Lei de Réxime Local.

Máis alá destes espazos de reflexión e diálogo, a responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro, destacou o encontro mantido con Amelia Amigo Santín, do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) de San Román de Cervantes, que falou de tódalas actividades que se realizan na zona para enfrontarse ao agudo despoboamento e recorte de servizos públicos que están a sufrir Os Ancares. Grazas ao traballo voluntario, maioritariamente feito por mulleres, o Centro de Desenvolvemento Rural de San Román ten en activo varios programas de actividades, tanto para a infancia, como para persoas adultas e maiores, que van dende actividades extraescolares, moitas veces dirixidas a aumentar a estima da rapazada polo medio no que viven; até apoio a diversos colectivos da zona poñendo á súa disposición as instalacións e recursos do Centro. María Ferreiro fixo unha mención especial do Programa para Mulleres que están a levar a cabo dende o CDR, traballando moito na socialización nun entorno onde a inexistencia de transportes públicos fai que moitas mulleres vivan illadas. “Así, grazas a este programa”, explica María Ferreiro, “organízanse grupos de mulleres para reunirse con regularidade e facer xunta diversas actividades”. Neste senso, María Ferreiro subliñou a colaboración entre o Sindicato Labrego Galego e o Centro de Desenvolvemento Rural de San Román, grazas á cal varias mulleres da zona obtiveron o carné de conducir, algo indispensable para rachar co illamento ao que se ven abocadas. Para decatarse da importancia que ten para as mulleres rurais dos Ancares poder dispor dun medio de transporte, hai que ter en conta que, para ir ao hospital en Lugo, deben percorrer case 200 quilómetros entre a ida e a volta; facer tratamentos médicos como radioterapia, para o cal hai que ir a Coruña ao carecer deste servizo o HULA, supón xa unha odisea que pode levar un día enteiro para unha sesión de ás penas 15 minutos.

X Encontro nos Ancares