A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. As labregas do SLG celebran 25 anos de loita e iniciativas pola igualdade no rural a través da Secretaría das Mulleres

As labregas do SLG celebran 25 anos de loita e iniciativas pola igualdade no rural a través da Secretaría das Mulleres

16 de Marzo do 2015

Labregas semente de futuro

Do 14 ao 15 de marzo, coa Illa de San Simón como escenario, máis dun cento de labregas de toda Galiza participaron no Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG, que desta vez celebraba a súa undécima edición. Esta ocasión foi especial, pois neste 2015 cumpríronse 25 anos dende que se crease, no seo do Sindicato Labrego Galego, este órgano de participación das afiliadas que ten sido pioneiro na toma de iniciativas e na loita polos dereitos das labregas e das mulleres que viven no rural.

Precisamente, co gallo desta efeméride, as participantes no Encontro fixeron memoria e percorreron as teimas e reivindicacións polas que estiveron a traballar durante un cuarto de século: dende a loita pola titularidade compartida nas explotacións agrarias; até a demanda dunha Seguridade Social ao alcance de todas e con pensións dignas; pasando pola enriquecedora camaradería á hora de compartir singradura con labregas de todo o mundo, a través da Vía Campesina, ou a coas compañeiras da Marcha Mundial das Mulleres. Esta mirada cara a atrás serviulles tamén ás participantes para fixar a vista diante e comprometerse a seguir estando xuntas no futuro nese camiño de aprendizaxe, loita e irmandade, xa que, a pesares dos avances que houbo en cuestión de igualdade nos últimos anos, aínda queda moito por facer. Unha boa proba disto é que, tres anos despois de que se aprobase a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións Agrarias, o 5 de xaneiro de 2012, tan só solicitaron a titularidade 13 mulleres na Galiza das 35.000 que se estima poderían facelo.

Unha das primeiras actividades do Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG foi escoitar a testemuña de varias labregas -tres do Baixo Miño e unha de Lugo- que compartiron as súas experiencias á fronte de proxectos agrarios novidosos que ían dende a elaboración de viño biodinámico á cría en réxime extensivo de vacas de raza Vienesa, pasando pola comercialización directa de alimentos e a transformación de hortalizas e froitas en conservas, marmeladas, etc.

Estas iniciativas profesionais foron a porta de entrada para analizar as problemáticas ás que se deben enfrontar as labregas que queren levar adiante proxectos coma os devanditos, e que adoitan a ser moito maiores que no caso dos homes: dificultades para ter acceso á Seguridade Social nos momentos iniciais dos proxectos, cando hai serios problemas de liquidez; as triplas xornadas laborais das mulleres que, amais do seu traballo como profesionais, teñen que facer tarefas no fogar e coidar da rapazada e das persoas maiores; a case nula oferta de formación de calidade para poder poñer este tipo de iniciativas en marcha; a carencia de servizos na maior parte do rural que case sempre teñen que suplir elas; ou a falta de apoios e mesmo atrancos para a comercialización ou transformación de produtos agrarios a pequena escala. Estes son algúns dos obstáculos aos que se deben enfrontar as labregas na súa vida laboral.

No plano positivo, a actividade profesional e humana destas mulleres no seu entorno propicia a produción de alimentos de calidade, xera riqueza, axuda a revitalizar o medio rural, e mesmo desenvolve servizos que os poderes públicos non están a prestar nesas zonas.

Corro de mulleres

Pola tarde, tralo xantar e unha visita guiada pola Illa de San Simón, foron protagonistas as mulleres de máis idade que, dende a Mesa de Sabias, falaron da súa longa experiencia como labregas, toda unha vida de duro traballo sempre agachado trala invisibilidade. As mulleres labregas mantiveron, ao longo dos séculos, bens de valor incalculable que, grazas a elas, hoxe conservamos: coñecementos e prácticas agrarias transmitidas xeración tras xeración; biodiversidade en forma de sementes; ou actividades fundamentais para a economía agraria e a economía rural como acudir a feiras e mercados a vender, moitas veces en condicións durísimas. A pesares da súa importancia fundamental, ese traballo non estivo acompañado de recoñecemento legal, nin social, nin dunha remuneración axeitada; máis ben todo o contrario: invisibilizouse de maneira sistemática. Escoitar a traxectoria vital destas mulleres foi unha das partes máis emotivas do encontro; lonxe do derrotismo, elas tamén souberon erguerse sobre todos estes atrancos e ser protagonistas de experiencias pioneiras que apostan por prácticas anovadoras como a diversificación de cultivos, a bioconstrución ou a acollida de voluntarios e voluntarias de todo o mundo a través da rede WWOOF.

Visita guiada

Compartindo loitas e experiencias coa Rede Galega de Sementes e a Marcha Mundial das Mulleres

Nesta ocasión, estiveron invitadas ao Encontro representantes da Marcha Mundial das Mulleres para falar da Caravana Feminista 2015; e a Rede Galega de Sementes, cuxa actividade foi explicada pola nosa compañeira e vicerresponsable da Dirección de Horta, Froita e Flor do SLG, Belén Fervenza.

No primeiro caso, dende a Marcha Mundial das Mulleres faláronnos da caravana feminista que partiu do Kurdistán, o pasado 8 de marzo, e que realizará un periplo percorrendo toda Europa até chegar a Portugal o 17 de outubro, tras pasar por Galiza na súa etapa final. Con esta caravana, a Marcha Mundial quere pór en contacto mulleres e colectivos feministas de todo o continente “que loitan e resisten nas súas cidades e pobos contra a violencia, a austeridade, a pobreza, o racismo, o fascismo, a lesbofobia e todas as opresións que fan a vida das mulleres máis difícil. O noso obxectivo é documentar e visibilizar as loitas das mulleres que se enfrontan a problemas similares, en contextos diferentes”.

Pola súa banda, Belén Fervenza explicou o indispensable labor da Rede Galega de Sementes nun contexto como o actual no que a FAO ten denunciado a desaparición de miles de especies de hortalizas e froitas que se cultivaban de xeito tradicional por mor do desprazamento sufrido polas sementes de orixe industrial. Dende as institucións e os diversos gobernos non se fixo practicamente nada para defender e conservar este patrimonio xenético, polo que, unha vez máis, tivo que ser unha iniciativa cidadá a que se ocupase desta importante e imprescindible tarefa que, na Galiza, está a ser desenvolvida pola Rede Galega de Sementes. Trátase de persoas que, de xeito voluntario e desinteresado, traballan para localizar, identificar, conservar e reproducir as nosas sementes tradicionais coa intención de poder compartilas con outras labregas e outros labregos para o seu uso. Como xa é habitual nestes encontros, as asistentes aproveitaron a xuntanza para intercambiar sementes traídas dende toda a xeografía galega, do mesmo xeito que compartiron alimentos cultivados e preparados por elas mesmas.

Mesas de traballo Xa o domingo, as labregas do SLG participaron nun obradoiro impartido pola facilitadora Tareixa Ledo Regal1 baixo o título “Nin son máis, nin son menos: son eu”, no que levou da man ás asistentes nun percorrido que foi dende as relacións de poder ás relacións do bo trato. Neste obradoiro, e a través dunha serie de exercicios moi sinxelos, as participantes experimentaron como, na vida real, vivimos as relacións de poder, ben dende abaixo, que é o máis xeneralizado para as mulleres, e ás veces tamén dende arriba. Di Tareixa que “colocándonos desa maneira, o que estamos a construír e reproducir son as relacións de poder que están instauradas na nosa sociedade, marcadamente neoliberal e patriarcal, que dá valor a algunhas persoas e quítallo a outras. A alternativa a iso non é colocarse nin arriba nin abaixo, pois iso suporía perpetuar esas relacións de poder; senón situarnos, dende o corpo da dignidade, nunha posición horizontal de igualdade baseada no respecto ás diferenzas de cadaquén”.

Deste xeito, chegaba á súa fin o XI Encontro Anual da Secretaría das Mulleres. En palabras da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, “este encontro ratificou o incremento de participación de labregas ano tras ano dende que se celebrou por primeira vez en Allariz, en novembro de 2004. Grazas a estes encontros, poñemos en común experiencias que mulleres están a desenvolver en distintas comarcas e falamos de cuestións que nos atinxen ás labregas.

Durante estes anos houbo unha evolución. Amais de termos mesas de traballo ao redor de diversos temas, algo básico para manternos informadas e para aprender; tentamos que haxa unha participación activa das participantes para que as actividades non consistan só en simples relatorios pasivos nos que unha muller fala e as demais escoitan. Polo demais, estes encontros foron e son fundamentais para abordar a nosa propia articulación dentro do Sindicato Labrego Galego de cara a facer real a paridade de xénero en tódolos órganos de dirección que figura nos nosos estatutos, e a nosa participación activa na vida sindical” .

Foto de familia

1http://reencontro.blogaliza.org/a-facilitadora/