A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG no 8 de marzo: "Construindo feminismo, destruindo capitalismo"

A Secretaría das Mulleres do SLG no 8 de marzo: "Construindo feminismo, destruindo capitalismo"

7 de Marzo do 2016

8 de marzo

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego queremos denunciar e remarcar neste 8 de marzo a dobre invisibilización que sufrimos as mulleres labregas, pola nosa dobre condición de mulleres e labregas. Ademais, neste 8 de marzo queremos ter unha especial lembranza para a nosa compañeira da Vía Campesina, Bertha Cáceres, asasinada por loitar contra a inxustiza en Honduras; e co Barco de Mulleres Rumbo a Gaza que se fretará para denunciar diante da opinión pública o apartheid que sofren 1'8 millóns de palestinos e palestinas.

Como mulleres que vivimos no medio rural, a nosa vida é cada vez máis complexa polo forte impacto dos recortes nos servizos públicos. Vemos como, moitas veces co pretexto da racionalización de recursos, perdemos medios de transporte públicos, profesionais sanitarios, mestres e mestras, etc. e, consecuencia de todo isto, tamén vemos como no día a día hai máis aldeas que quedan despoboadas e illadas, coa xente nova fuxindo cara a outros destinos.

Por se non abondase coa discriminación sufrida por vivir rural, como labregas queremos denunciar as condicións discriminatorias no desenvolvemento da nosa actividade profesional. A feminización da pobreza é especialmente aguda para nós, que a pesares de traballar como agricultoras e gandeiras vivimos moitas veces dependentes economicamente dos nosos cónxuxes. Así, as labregas temos que enfrontarnos a:

  1. Unha forte división sexual do traballo, na casa e e na granxa: Os homes, en xeral, encárganse de todo o relacionado cos espazos públicos (participación en cooperativas, trámites nas oficinas agrarias comarcais e concellos, relacións coas organizacións agrarias ...) mentres que as mulleres se ven obrigadas a asumir soas os coidados da rapazada e das persoas maiores, e os labores domésticos, ficando recluídas no ámbito da casa. Estas tarefas "propias" das mulleres labregas son complementarias e fanse a maiores do traballo na propia granxa, o que supón para moitas unha vida de semiescravitude.

  2. Precariedade económica e falta de dereitos laborais: Moitas mulleres que traballan no eido agrario non son titulares da granxa na que desenvolven a súa profesión, a pesar da Lei 35/2011 de Titularidade Compartida que o fai posible. A lei recoñece esta situación de desigualdade, que priva ás mulleres dos seus dereitos laborais e sobre a granxa, que fai que carezan de ingresos propios malia a traballar da mañá á noite ós 365 días do ano na granxa familiar e, en moitos casos, nin sequera dispor de cotización á Seguridade Social. A pesar de que as estimacións apuntan a que hai unhas 300.000 mulleres nesta situación, dende a aprobación da lei só solicitaron a titularidade compartida 136 labregas.

  3. Falla de seguridade social e as pensións máis baixas do sistema: Na década dos anos 90 moitas mulleres labregas, co apoio da Secretaría das Mulleres do SLG, tiveron que gañar nos xulgados o dereito a cotizar á Seguridade Social. Mais non sería até o ano 2000 cando mudaría a lei que lles impedía cotizar cando o seu cónxuxe gañaba máis ou era titular dun negocio mercantil. Hoxe en día, permanece unha tradición fortemente discriminatoria na que a primeira cotización da que se prescinde cando hai dificultades económicas é a das mulleres. Moitas seguen sen cotizacións ou chegan á idade de xubilación con pouco máis de 15 anos cotizados, pasando boa parte da súa vida laboral sen dereitos nin prestacións. A consecuencia directa disto é que as prensións ás que teñen dereito as mulleres labregas son entre un 33 e un 35% inferiores ás dos homes.

  4. Eliminación das granxas pequenas e medianas e dos mercados locais, e con elas dos ingresos de miles de mulleres: Unha importante fonte de ingresos das labregas provén da venda directa en mercados locais. O avance da globalización neoliberal e do dominio das grandes superficies comerciais no sistema alimentario supón a destrución de moitas granxas pequenas e medianas, así como a eliminación de numerosos mercados locais e feiras nas que as mulleres adoitan vender excedentes e produtos elaborados, sen que as autoridades públicas fagan nada por evitalo.

Especial lembranza para Bertha Cáceres e o Barco de Mulleres Rumbo a Gaza

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, non queremos rematar este comunicado sen lembrar as mulleres que sofren conflitos bélicos ou a represión brutal dos poderes económicos e políticos dos seus respectivos países. Dende a Galiza, queremos expresar o noso apoio á Coalición da Frota da Liberdade e ao Barco de Mulleres Rumbo a Gaza, como acción directa e medida de presión política aos gobernos do mundo coa fin de rematar co bloqueo ilegal ao que Israel somete a 1,8 millóns de palestinas e palestinos en Gaza.

Asemade, queremos ter un recordo para a nosa compañeira Bertha Cáceres, que o 3 de marzo foi asasinada na súa propia casa. Bertha era coordinadora xeral do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras, pertencente á Vía Campesina coma o SLG. Defensora do pobo Lenca, a maior etnia indíxena de Honduras, a loita desta muller exemplar serviu para evitar a construción do encoro de Agua Zarca no río Gualcarque, sagrado para as comunidades locais e vital para a súa supervivencia. Esa loita valeulle a Bertha o recoñecemento internacional do Premio Goldman, pero tamén as balas cheas de rabia e odio que remataron coa súa vida.

Finalmente, dende a Secretaría das Mulleres do SLG comprometémonos a seguir traballando na loita para que os nosos dereitos se vexan recoñecidos e as nosas demandas cumpridas. E farémolo os 365 días do ano, sexan ou non 8 de marzo. Nesta liña, a Secretaría das Mulleres do SLG, como integrante da Marcha Mundial das Mulleres, apoia as mobilizacións que no día 8 de marzo están convocadas na Galiza, ás 20:00 horas, baixo o lemaConstruíndo feminismo, destruíndo capitalismo: Ferrol (concentración na praza do Inferniño), Ourense (manifestación con saída da Alameda) e Vigo (manifestación con saída na praza de Portugal).

Xuntanza labregas Arcos Chantada

A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro (de pé á dereita) nunha xuntanza con labregas en Arcos (Chantada), o pasado 6 de marzo