A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Un centenar de labregas reflexiona sobre as violencias machistas e denuncian o agravamento da lacra no rural

Un centenar de labregas reflexiona sobre as violencias machistas e denuncian o agravamento da lacra no rural

26 de Novembro do 2016

Xornadas contra as violencias

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego estivo celebrando durante o día de hoxe, 26 de novembro, unha Xornada contra as Violencias Machistas no Pazo de Mariñán (Bergondo) á que asistiron un cento de labregas das catro provincias galegas. Desta maneira, e co apoio financeiro da Deputación da Coruña, estas mulleres asistiron a charlas e debates ao redor do tema da violencia e, xa pola tarde, realizaron un mural de denuncia dunha lacra que, en menor ou maior medida, nos afecta a todas.

Se unha cousa quedou clara nesta xornada foi que a violencia contra as mulleres non é só un tipo e non se limita ás agresións físicas ou, nos peores casos, á morte das vítimas. As mulleres sofren tamén outros tipos de violencia como a falla de servizos especializados, salarios máis baixos cós homes cando non carencia de recursos económicos, acoso, maltrato psicolóxico, discriminacións en tódolos ámbitos, violacións, etc. Esta violencia estrutural agudízase no caso das mulleres que viven no rural, polo seu illamento e, no caso das labregas, pola súa profesión.

O simple feito de vivir no rural, supón para unha muller carecer de servizos básicos dos que gozaría se vivise nun centro urbano. A isto, hai que unir o illamento que, en caso de violencia, supón un agravante e unha maior indefensión da vítima; ademais, as sociedades rurais son máis pechadas, con ambientes nos que todo o mundo se coñece e onde as mulleres agredidas son máis remisas a denunciar porque as autoridades coñecen persoalmente tanto á vítima como ao agresor e porque, moitas veces, non teñen preto amizades ou veciñanza coas que compartir o seu problema.

Ter de profesión a agricultura, ademais, supón afondar aínda máis na fenda da desigualdade laboral e dos dereitos. Na Galiza, estímase que hai máis de 30.000 labregas que non son titulares da explotación na que traballan -que normalmente está a nome do cónxuxe- e, polo tanto, non cotizan e carecen de dereitos e ingresos propios. Aínda que a lei permite e mesmo bonifica de diversas maneiras a cotitularidade nas explotacións, en outubro de 2016 só 17 mulleres solicitaron a cotitularidade na Galiza. No mellor dos casos, o das labregas que cotizan á Seguridade Social, normalmente o fan tarde e rara vez chegan a ter os 35 anos cotizados obrigatorios para cobrar o 100% da pensión de xubilación: mentres que case o 80% dos homes conseguen cotizar eses 35 anos, só un 5'5% de labregas chegan a facelo.

As solucións poden ser moitas, dende as preventivas a través do labor educativo ou de fornecer con medios suficientes ás autoridades para que protexan efectivamente as vítimas; até unha maior rotundidade á hora de controlar e castigar os agresores. Máis alá das homenaxes, minutos de silenzo ou crespóns negros, a erradicación das violencias machistas pasa por investir máis recursos precisamente en combatela e prevela. Porén, a actual política de austeridade e recortes camiña xusto no sentido contrario, feito que, sen dúbida, contribúe a unha maior desprotección e vulnerabilidade das vítimas.

Por iso, dende a Secretaría das Mulleres do SLG quixemos contribuír cos nosos humildes medios a paliar esta problemática con actividades como a xornada organizada hoxe á que asistiron, fundamentalmente, mulleres labregas; e mantendo na nosa rede de oficinas o Punto Delas, onde asesoramos e prestamos apoio e axuda ás mulleres do rural que sofren violencia.

Xornada Bergondo 1