A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Labregas analizan en Mondoñedo alternativas para dignificar a profesión en caso de enfermidade e tras xubilarse

Labregas analizan en Mondoñedo alternativas para dignificar a profesión en caso de enfermidade e tras xubilarse

12 de Marzo do 2017

Beatriz Figueroa

O seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, acolleu ao longo de toda a mañá do sábado o arranque do XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que se está a celebrar durante toda esta fin de semana baixo o lema “Labregas por un trato digno na enfermidade e na vellez”. Foi un comezo intenso, cunha palestra na que un cento de labregas dialogaron sobre cuestións básicas para a súa vida profesional como as problemáticas á hora de abordar as baixas e incapacidades laborais, a loita das traballadoras que padecen enfermidades graves coma o cancro ou o incerto futuro do sistema de pensións.

Neste contexto, a palestra contou coa participación da avogada laboralista Teresa Burgo, da activista polos dereitos das persoas enfermas de cancro, Beatriz Figueroa, e da presidenta do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), Victoria Portas.

Relatoras encontro mulleresTeresa Burgo fixo unha análise miúda das posibilidades de cobertura que poden ter as labregas en caso de accidente ou enfermidade laboral, poñendo de manifesto unha morea de eivas que converten calquera reclamación nunha auténtica odisea burocrática na que é esencial reclamar por escrito e a tempo. Por exemplo, é case imposible que nos recoñezan como de orixe laboral o meirande das enfermidades óseas ou musculares, e tamén o cancro, a pesares de que a profesión das labregas -ben sexa pola esixencia física ou polas posturas forzadas, ben sexa polo manexo de substancias canceríxenas como pesticidas- pode ser causa directa deste tipo de doenzas. Por riba, calquera solicitude de baixa por enfermidade ou accidente.

Todo isto agravouse coa crise económica e os recortes que, entre outras consecuencias, derivou nunha maior presión das inspeccións médicas e das altas forzadas. Decotío, o tratamento que dan os médicos encargados de ditaminar e inspeccionar estes casos chega a ser vexatorio. Os médicos e médicas que ditaminan unha invalidez ou incapacidade non son especialistas na doenza analizada e, ademais, son xuíz e parte. Isto fai que as reclamacións por invalidez rara vez prosperen, nin sequera pola vía xudicial. Nos xulgados de Lugo, por exemplo, só gañaron o 5% das invalideces reclamadas por vía xudicial.

E para exemplo de todo o devandito, o de Beatriz Figueroa, avogada e xornalista enferma de cancro dende 2011 e que xa pasou por cinco operacións e durísimos tratamentos médicos. O feito de que non lle fose recoñecida a incapacidade laboral e ter que subsistir cunha misérrima pensión, sen familia que a apoiase e cunha hipoteca ás costas, fixo que emprendese unha loita que a levou a poñerse en folga de fame, forzar ao Congreso dos Deputados a debater a cuestión e, máis recentemente, a conseguir dous millóns de sinaturas reclamando unha cobertura digna para as persoas enfermas de cancro. O seu problema é o de miles de homes e mulleres no Estado aos que unha enfermidade grave os incapacita para traballar pero que, sen embargo, se vén na obriga de iniciar unha dura batalla legal contra a Administración para que lles sexa recoñecida esa incapacidade.

Mulleres con cancro que desempeñan traballos como o de mariscadora ou labrega, que precisan unha grande fortaleza física, non conseguen que lles recoñezan a incapacidade para traballar. Neste senso, Beatriz Figueroa confirmou o que dixo Teresa Burgo de que o trato que reciben por parte dos médicos que redactan os informes moitas veces é vexatorio. “A enfermidade debe ser a túa primeira preocupación, pero é difícil. Réndeste moitas veces, pero volves erguerte. A batalla contra o cancro líbrase contra a enfermidade e contra a administración. E a min, que son avogada, custoume. A administración aprovéitase da túa debilidade, de que estas sen ánimo nin forzas para reclamar nada, e gaña tempo recorrendo as túas reclamacións, de tribunal en tribunal. Un amigo meu morreu con 40 anos e non deu cobrado nin a primeira mensualidade da súa paga por incapacidade. Unha das razóns pola que non lla recoñeceran antes foi porque a súa hematóloga nunca lle redactou un informe que servise de proba no proceso. É preciso que loitemos e reclamemos. Cando non nos desafiúza unha enfermidade, non podemos consentir que nos desafiúce a sociedade.”, relata a activista viguesa. “Nesta loita, non quero solidariedade nin compaixón”, concluíu. “O que busco é xustiza social. O meu problema é o de miles de persoas e pódelle tocar a calquera. As estatísticas din que un terzo das mulleres e o 50% da poboación masculina van ter cancro”.

Asistentes encontro mulleres

Finalmente, foi a quenda de Victoria Portas, presidenta do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), que pintou un escenario preocupante a nivel xeral para todos os traballadores e traballadoras, con datos como que o 51% das traballadoras autónomas galegas cobran por baixo dos 646 euros, cousa que aínda pode ir a peor tralas diversas reformas laborais. En efecto, agora mesmo e de maneira progresiva, estanse a desenvolver reformas que culminarán en 2027, ano no que, para ter dereito ao 100% da pensión de xubilación, teremos que ter 67 anos cumpridos e ter cotizado durante 38 anos, 33 se ao que aspiras é a unha xubilación anticipada. Isto supón a exclusión definitiva das mulleres labregas do sistema público de pensións, xa que, normalmente, comezan a cotizar moi tarde e con bases demasiado baixas.

Victoria Portas denunciou que, agora mesmo, estase preparando o terreo para unha nova ofensiva no recorte das prestacións, tentando convencernos da necesidade de complementar as pensións investindo en plans privados. Sen embargo, esta recomendación non casa cos ingresos anuais de 125.000 millóns de euros que recada a Seguridade Social a pesares de termos 4 millóns de parados que non cotizan e cada vez máis persoas xubiladas. Para a presidenta de Modepen, detrás de todo isto están os intereses da banca e das aseguradoras, que queren meter o dente neses 125.000 millóns anuais.

Para demostrar a falacia dos fondos privados, Victoria Portas analizou os plans de pensións máis rendíbeis do mercado actualmente e revelou as seguintes cifras: achegando 100 € mensuais dende os 40 anos de idade até os 67, daríache unha pensión privada, no mellor dos casos, inferior aos 200 euros; se a achega fose de 500 €, a pensión non chegaría aos 1.000 tras ter dado a ese plan de pensións privado 200.000 euros en 27 anos de vida laboral. E isto co problema engadido de que non podes retirar os cartos -Facenda quedaría co 40%- nin a túa familia herdalos en caso de morte. Casos como a recente creba dun importante fondo de pensións privado en Estados Unidos, deixando arruinadas miles de familias; ou a creba do sistema mixto de pensións en Chile deberían animarnos a defender con forza e sen fendas o sistema público de pensións e a Seguridade Social, xa que as outras alternativas só son rendíbeis para a banca e as aseguradoras.

Tras unha mañá intensa de charlas, diálogos e debates, na que varias labregas narraron a súa experiencia persoal en relación aos temas tratados na palestra; tralo xantar, a tarde foi máis liviá, coa asistencia a un recital poético de María José Fernández Rodríguez na praia de Arnao (Castropol); e unha visita á Fundación Edes, en Tapia de Casariego, que traballa no rural do noroccidente de Asturias e da Mariña lucense dende 1999 ofrecendo servizos e apoio a persoas con discapacidade psíquica e intelectual.

Encontro Mulleres