A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Un grupo de mulleres da Terra Chá fai un chamamento para secundar a Folga Feminista do 8 de marzo no rural

Un grupo de mulleres da Terra Chá fai un chamamento para secundar a Folga Feminista do 8 de marzo no rural

6 de Marzo do 2018

Folga Feminista Vilalba

A folga feminista convocada para o vindeiro 8 de marzo chega con forza á Terra Chá. Un grupo de mulleres de distintos colectivos veñen de convocar unha concentración que se desenvolverá ao longo de todo o día, desde as 11:30 ata as 20:30 horas, na praza da Constitución de Vilalba, lugar onde se levarán a cabo distintas actividades para dar a coñecer as reivindicacións da folga. A Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, a Asociación Feminista de Vilalba, as Mulleres Rurais de Insua, Santaballa ou Nete, entre outras, ademais de mulleres do mundo da cultura e da docencia, iniciaron este chamamento para, dun xeito plural, “facer forza contra todas as discriminacións de xénero que motivaron esta convocatoria a nivel internacional”.

Os actos darán comezo ás 11:30 da mañá, momento no que se procederá á lectura dun manifesto mentres se realiza pintura en directo da man de Isa Pardo, unha moza vilalbesa de 16 anos que comezou a súa andaina o pasado outubro cunha exposición especializada en retratos e figura humana. Ademais, as mulleres xuntaranse para xantar na mesma praza, baixo carpa facilitada polo Concello de Vilalba para a ocasión, animando a todas aquelas persoas que queiran sumarse, tanto ao xantar como ao resto de actividades.

Pola tarde proxectaranse curtametraxes sobre as problemáticas que están a sufrir as mulleres en diferentes eidos, creando coloquios posteriores para reflexionar entre as participantes. Ás 20:00 horas terá lugar a última concentración do día, coa lectura do manifesto en consonancia coas demais localidades do país.

Para este grupo de mulleres feministas, son moitos os problemas que afectan a todas as mulleres e, especialmente, ás da Terra Chá, para que “exista unha mobilización sen precedentes e para que a fenda salarial, as violencias machistas, a diversidade, as agresións e violacións, o teito de cristal, o maltrato institucional cara ás mulleres do rural, e outras moitas inxustizas se sitúen de xeito inmediato no centro da acción política e social”. Porén, subliñan que “somos un grupo interxeracional de mulleres que atopamos en cada unha das nosas causas o alento das demais, que loitamos coa mesma forza por esas mulleres que despois de toda unha vida traballando non teñen asegurada unha xubilación digna, así como por todas esas mozas que sofren as agresións constantes do neomachismo e son vítimas do control a través das novas tecnoloxías, polas mulleres que loitan pola conciliación da vida laboral e familiar e por aquelas nenas que se senten discriminadas desde o momento no que se lles asigna un rol de xénero que as marca de por vida”.

Emporiso, desde distintos recunchos da Terra Chá chaman á participación nesta folga feminista “tan importante para que sente un precedente e, a partir deste 8 de marzo, se escoite ben alto que as mulleres non imos calar”.

Horarios

  • 11.30h: Comezo da concentración. Lectura do manifesto. Paralelamente, a pintora Isabel Pardo realizará unha composición con motivo do 8M.
  • 14.00h: Xantar compartido. Cada unha levará a súa comida, ben individual ou ben para compartir coas compañeiras. Disporemos de café.
  • 16.30h: Tarde de convivencia das mulleres da Terra Chá. Haberá proxeccións de varias curtas e palestras que motivarán o intercambio de ideas e de opinións entre as asistentes. Contaremos con música ao longo do día.
  • 20.00h: Peche dos actos da xornada coa lectura do manifesto e concentración.

Todos os actos terán lugar na praza da Constitución e estaremos a cuberto na carpa que porá o Concello de Vilalba.

Folga Vilalba