A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres participou no Día Internacional contra a violencia de xénero

A Secretaría das Mulleres participou no Día Internacional contra a violencia de xénero

30 de Decembro do 2006

Isa MM

O SLG apoiou a concentración organizada pola Marcha Mundial das Mulleres en Compostela este 25 de novembro

Cartel día internacional contra violencia de xéneroUnha comitiva da Secretaría das Mulleres do SLG apoiou, no 25 de novembro, a concentración organizada na compostelá praza do Toural contra a violencia de xénero. O acto estaba organizado pola Marcha Mundial das Mulleres en Galiza cun slogan ben clariño: “Respéctame”. Unha palabra lonxe de ser unha realidade á luz do informe do Consello de Europa presentado en Madrid, a finais de novembro, onde se sinalaba que unha de cada catro mulleres europeas foi vítima de malos tratos; e que unha de cada dez sufriu, nalgunha ocasión cando menos, unha agresión sexual.

O Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, o sueco Thomas Hammarberg, denunciou que as medidas tomadas polos gobernos para atallar esta problemática non son as axeitadas, lembrando que a maioría das vítimas son agredidas no seu propio fogar. Hammarberg criticou, así mesmo, que moitas veces déixase en mans de ONGs a protección das vítimas, e non se emprega o financiamento axeitado. O Comisario fixo unha referencia clara á necesidade de adoptar novas medidas de protección e afastamento; servizos de apoio; programas de detección no ámbito sanitario; e garantías de aloxamento para as mulleres, preferentemente nas súas vivendas.

Este ano, no que xa van máis de sesenta mulleres mortas a causa da violencia machista no Estado español, a Marcha Mundial elixiu o lema "Respectame" neste día de denuncia. 

A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, Isabel Vilalba, lembra que "malia a que xa queda algo lonxe aquel 1 de decembro de 1999 no que a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou esta data como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, en conmemoración da morte en 1960 das tres irmás Mirabal -activistas políticas da República Dominicana asasinadas por orde do ditador Rafael Trujillo-, o certo é que a violencia machista segue a ser no día de hoxe unha dos atentados máis terribles e habituais contra os dereitos humanos".