A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Segunda xornada do Congreso Mundias das mulleres da Vía Campesina

Segunda xornada do Congreso Mundias das mulleres da Vía Campesina

1 de Novembro do 2006

Non hai imaxe

As relatoras do Congreso Mundial de Mulleres Labregas destacan á Vía Campesina como o marco de creación dun novo modelo de feminismo

foto familia CMVC

Foto de familia das asistentes á visita de campo na explotación de Pura Seoane, en Feal, San Mamede (Vedra)

 

A segunda xornada do Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina, celebrada hoxe, 19 de outubro, comezou cunha saída de campo na que se visitou unha explotación agraria na parroquia de San Mamede, en Vedra. A pesares dunha choiva teimuda, case un cento de mulleres de todos os currunchos do planeta percorreron durante unha hora os invernadoiros, leiras, monte e praderías que, repartidos en cinco hectáreas, rexenta Pura Seoane baixo o selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza. A elección desta explotación fíxose por estar baseada no modelo de agricultura labrega que defenden tanto o SLG como a Vía Campesina, e por desenvolver a actividade agraria como un todo global que inclúe aspectos que van dende culturas sostíbeis co entorno sen a utilización de agroquímicos para garantir uns alimentos sans e de calidade, ata a venda directa da produción sen pasar por intermediarios –Pura Seoane comercializa os seus produtos na praza de abastos de Pontevedra-.

 

Tras esta parte práctica, o congreso desenvolvería a segunda xornada dedicada a afondar na teoría do feminismo, contando coa presenza de tres invitadas de excepción: a dominicana Sergia Galván, e a ecuatoriana Irene León, e a brasileira Miriam Nobre.

 

Faltou Judy Pasimino, de Tailandia, quen ía falar de ecofeminismo pero á que, por mor dos cambios lexislativos acaídos co golpe de estado no seu país, lle foi imposíbel obter o visado para participar no evento.

Así, sería Sergia Galván (no centro da imaxe) a primeira en intervir cun relatorio no que repasou as principais liñas do pensamento feminista ao longo da historia, tras do cal puxo sobre a mesa tres desafíos ás mulleres da Vía Campesina: primeiro, avanzar na reflexión teórica dun feminismo dende a perspectiva labrega, xa que "este é un déficit no proceso de construción do movemento feminista”; segundo, continuar traballando a autonomía como referente vital para a consolidación do movemento de mulleres labregas; e, terceiro, superar a culpa na loita polo poder.

 

Respecto disto último, Galván alentou ás asistentes a “non disfrazalo, pois o que queremos é que se redistribúa o poder. A nosa loita pasa por rachar os privilexios dos homes, e non temos por que disfrazalo, nin por que sentirnos culpábeis”.

Irene

En canto a Irene León (primeira pola dereita), centrou a súa intervención en explicar a existencia dun novo feminismo nacido da man das labregas e no marco da Vía Campesina. León salientou a importancia da terra traballada por mulleres como un espazo transcendental para a humanidade, pois aí foi “onde naceu a agricultura –as mulleres a inventamos-, onde se conservaron e melloraron as sementes grazas a unha hibridación natural, e onde se descubriu que herbas son útiles para as persoas e que plantas serven como alimento. Se todo este acervo o tivesen descuberto os homes, terían sido merecedores de todos os premios Nobel en todas as súas modalidades, e todos os recoñecementos habidos e por haber”. Non en van, a FAO recoñece que o 70% da produción alimenticia mundial está en man de mulleres. Nembargante, esta achega non só non é recoñecida, senón que contrasta co feito de que só o 1% da propiedade das terras estean a nome de labregas.

Ademais, Irene León denunciou a tentativa de “lexitimar ás empresas transnacionais como posíbeis actoras do que as mulleres fan e levan séculos facendo”, fronte ao cal, as labregas da Vía Campesina din “non ao imperialismo, non á Organización Mundial do Comercio, e non á lóxica capitalista e patriarcal, que pretende expropiar unha vez máis ás labregas non só dos seus coñecementos; senón tamén do seu espazo de creación, e de produción e de reprodución do mundo campesiño como xeito de vida”. Como exemplo disto, citou o feito de que, en América Latina, foron patentados por grandes empresas o 95% dos coñecementos sobre alimentos, herbas, saúde, etcétera, que constituían unha sabedoría ancestral desenvolvida, fundamentalmente, por mulleres. Así, isto lévanos “a entrar na lóxica do mercado e ter que mercarlle franquicias aos donos das patentes, que nos van a vender o dereito a exercer aquilo que nós mesmas inventamos; nós creamos as tortas en México, pero agora o dono da patente do taco, Taco Bell, vainos vender o permiso para poder facelas ou para poder vendelas na rúa”. Diante disto, animou ás asistentes a “reclamar o dereito a vivir no campo, e a mantelo como unha entidade de vida, é dicir, unha resistencia moi importante ao urbanocentrismo que propón o neoliberalismo globalizador. Trátase dunha cuestión de vida ou morte para a humanidade”.

Xa pola tarde, as mulleres asistentes ao congreso organizáronse en grupos para debater os temas tratados ata ese intre, antes de que a brasileira Miriam Nobre, coordinadora do secretariado internacional da Marcha Mundial das Mulleres, dese unha charla sobre este movemento feminista global.