Trátase dun compromiso adoptado no Encontro Internacional de Dereitos Humanos e Igualdade de Xénero celebrado o ano pasado en República Dominicana
1 de Novembro do 2006
Trátase dun compromiso adoptado no Encontro Internacional de Dereitos Humanos e Igualdade de Xénero celebrado o ano pasado en República Dominicana
A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galiza, Fabiola Sotelo, abriu a terceira xornada do Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina cun relatorio sobre “A perspectiva de xénero na cooperación”. Na súa intervención, Sotelo referiuse á violencia de xénero nos seus diversos ámbitos e á creación de “programas de sáude que atendan de xeito integral ás vítimas desta brutal manifestación de machismo”. O acceso normalizado á vida laboral das mulleres foi outro dos eixes que centrou o contido da súa comparecencia.
Serían precisamente estes dous temas, violencia de xénero e perspectivas laborais das labregas, os que centrarían os debates e análises do resto da xornada. Así, nesta xornada do venres falouse da problemática dos diversos tipos de violencia que se exercen contra as mulleres, e analizouse dende a perspectiva dos distintos países participantes no congreso. Finalmente, chegouse ao acordo de retomar unha campaña que naceu en agosto de 2005, no Encontro Internacional de Dereitos Humanos e Igualdade de Xénero da Vía Campesina, celebrado en República Dominicana . Así, o Congreso Mundial de Mulleres asumiu o reto de poñer en marcha e levar á práctica esa campaña internacional contra a violencia de xénero.
Respecto de si existe algún xeito específico de violencia que afecte ás mulleres labregas, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, negou esa posibilidade; aínda que recoñeceu que as labregas, en particular, e as mulleres que viven no medio rural, en xeral, non teñen acceso aos mesmos recursos, servizos e políticas preventivas das que poden botar man as mulleres dos centros urbanos.
Xa pola tarde, o congreso estivo centrado nas perspectivas das labregas como profesionais, analizándose cuestións como a titularidade nas explotacións ou o exercicio da profesión agraria.