A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. O Congreso de Mulleres da Vía Campesina remata co compromiso dunha campaña internacional a prol dos dereitos das labregas e contra a violencia de xénero

O Congreso de Mulleres da Vía Campesina remata co compromiso dunha campaña internacional a prol dos dereitos das labregas e contra a violencia de xénero

1 de Novembro do 2006

Non hai imaxe

O Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina rematou hoxe, 21 de outubro, tras catro días de diálogo, reflexión e debates en torno a algunha das cuestións e problemáticas que afectan de cheo ás labregas de todo o mundo. Se houbera que mencionar unha conclusión unánime na que coincidiron todas as participantes, é que a desigualdade que sofren as mulleres labregas, sexa cal sexa a súa forma, é un problema común con independencia do país no que residan. E outro tanto se pode dicir das diversas formas de violencia que padecen.

derradeira xornada da CMVC

Diante desta problemática global, as mulleres da Vía Campesina decidiron actuar tamén de xeito global. En palabras de Lidia Senra, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego –organización anfitrioa-, “Hai dúas cuestións nas que imos traballar duramente: primeiro, articular unha campaña mundial para loitar contra as violencias que se exercen contra as mulleres e, segundo, traballar moi forte para que se recoñezan os nosos dereitos como labregas”. Respecto disto último, “farase a todos os niveis, esixindo a igualdade nos dereitos administrativos, no acceso á terra e aos créditos, na recuperación do acceso aos mercados, etcétera”. Outro dos compromisos xurdidos do congreso foi estender os debates que se desenvolveron en Compostela a todas as organizacións que integran a Vía Campesina.

 

Respecto desta dimensión teórica do evento, a coreana Yoon Geum Soon, en representación da Vía Campesina de Asia, afirmou que ”o feminismo segue a ser unha ferramenta importante para que as mulleres poidamos ser tratadas como seres humanos, un proceso que nos permite acadar un lugar digno dentro da sociedade, combater a violencia que se exercen contra nós, e tamén reivindicar e reclamar as nosas terras e salvalas das mans das transnacionais e das grandes empresas. O feminismo é, pois, a vía para que as mulleres labregas poidan ter un papel activo e digno no seo da sociedade”.

 

Neste senso, a responsábel da Comisión de Xénero da Vía Campesina, a dominicana Juana Ferrer, lembrou que as labregas están a facer unha importante achega ao pensamento e movemento feministas, un feito do que non se tomou conciencia ata este congreso celebrado en Galiza. Ferrer declarou que “regresamos ás nosas rexións e países con moitas ganas e fortaleza para encamiñar este traballo en aras de seguir defendendo os nosos dereitos como mulleres e como labregas”.

 

Pola súa banda, a responsábel en Europa do Comité de Coordinación Internacional da Vía Campesina, a norueguesa Ingeborg Tangeraas, enmarcou este evento dentro “dunha loita global para conquistar uns valores determinados, para construír alianzas, para traballar polas culturas e pola defensa do medio ambiente, e tamén polas consumidoras e os consumidores, eidos todos ameazados polas políticas agrarias que se están a impor”. Como antídoto contra isto, Tangeraas salientou o traballo conxunto das mulleres en todo o mundo, “nunha rede global na que se inclúe á Comisión Internacional de Mulleres da Vía Campesina, que nos permite formarnos, educarnos, informarnos e, en base a isto, fortalecernos. Teño o convencemento de que as mulleres de Vía Campesina vanse facer cada vez máis fortes para participar de maneira activa nesta loita global da que veño de falar”.

 

Enlazando con isto último, Juana Ferrer expresouno nun slogan: “Xuntas, podemos ser máis”, xa que a unión entre labregas xurdida de eventos coma este congreso permite “reproducir e multiplicar os nosos coñecementos, as nosas capacidades e as nosas achegas”.