A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Reforzo e unidade das diferentes loitas polos servizos públicos

Reforzo e unidade das diferentes loitas polos servizos públicos

7 de Marzo do 2010

Mesa redonda servizos públicos

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego finaliza o seu VII Encontro Anual abordando a importancia do mantemento dos servizos sociais mediante unha análise da situación actual específica da sanidade pública, dos servizos de atención social e daqueles orientados ás explotacións gandeiras. ACTUALIZADA GALERÍA DE IMAXES.

Galería de imaxes:

http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=19&c=58

 

ss

 

Case duascentas mulleres participaron na mesa redonda levada adiante por Pilar Méndez e Rosa López (Plataforma en Defensa da Área Sanitaria Norte e da Sanidade Pública), Rosa Álvarez (Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos) e Ana Rodríguez (Secretaria de Desenvolvemento Rural do SLG).

ss

Logo de expor as especificidades dos distintos ámbitos tratados, valorouse con preocupación a existencia dun nexo común centrado no constante desmantelamento e desprestixio dos servizos públicos por parte da Administración, ao tempo que se derivan recursos para o sector privado.

 

O evidente empeoramento da calidade destes servizos en materias fundamentais para a nosa sociedade revelouse motivado por un criterio de xestión dos servizos públicos baseado na rendibilidade económica.

 

Non se pode tentar sacar rendibilidade económica dos servizos públicos como a saúde, a educación, etc.. posto que a rendibilidade dos mesmos ten que se reflectir nunha sociedade de benestar.

 

As propostas de centralización de recursos especializados en grandes centros sanitarios localizados nas capitais, en detrimento dos existentes nas comarcas é un claro retroceso social que incrementa a discriminación entre cidadás/áns.

 

As representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade denunciaron a actual dinámica de derivar a centros privados ou concertados intervencións que poderían ser feitas, mesmo con maiores garantías, en centros sanitarios públicos.

 

Rosa Álvarez afirmou na súa intervención a inexistencia de servizos sociais coma tal, posto que estes deberían abordar dunha maneira contundente a fase de prevención das situacións de exclusión social ,en troques de funcionar como un servizo de choque cando a problemática xa é dramática e depositar ademais a maior parte da súa forza en axudas económicas, que ademais distan moito de cumprir coa coherencia coa que se trata noutros países, sendo na Galiza contías meramente simbólicas.

 

A falla de equipas multidisciplinares no concello, nos que “servizos sociais” adoita significar “unha traballadora social”, conleva a falla de exactitude nos diagnósticos e tratamentos. Neste momento no debate xurdiu a actual problemática dos nenos e nenas mal diagnosticadas hiperactivas, sometidas a fortísimos tratamentos farmacolóxicos.

 

Ana Rodríguez evidenciou pola súa banda a grande cantidade de persoas que integran os servizos públicos ás explotacións, salientando a existencia dun recorte das súas funcións e recursos, que os limita practicamente a un papel de controladores /policías das explotacións.

 

Ao tempo, obrígase ás explotacións a contratar e pagar servizos privados, moitas veces mesmo integrados en industrias con claros intereses no seu asesoramento, tales coma empresas de pensos, xenética, etc.

 

Concluímos polo tanto que para conseguir un sistema público que responda ao interese xeral é fundamental a organización da cidadanía unindo reivindicacións, diferentes plataformas e colectivos, sendo quen de denunciar as situacións coas que nos imos atopando, mesmo individualmente.