A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Xuntas, loitamos polo recoñecemento das mulleres labregas

Xuntas, loitamos polo recoñecemento das mulleres labregas

28 de Abril do 2010

Belén Verdugo e Lídia Senra

 Labregas do Estado español e Europa están a levar a cabo o seminario europeo Labregas polos nosos dereitos, organizado en Cáceres pola Confederación de Mulleres do medio Rural, CERES, en colaboración coa área de mulleres da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), as mulleres de COAG de Estremadura e a Coordenadora Europea Vía Campesiña (CEVC).

caceres

O papel que desexamos ter as mulleres na actividade agraria e no desenvolvemento rural é unha das claves centrais deste encontro.

 

Nunha fonda rolda de intervencións, as mulleres asistentes coincidiron en destacar a merma dos seus dereitos, sobresaíndo as dificultades interpostas na consecución da titularidade compartida das explotacións e a cotización á seguridade social por parte das labregas.

Hoxe en día, na maioría dos casos mulleres que traballan na explotación co mesmo grao de implicación que o seu compañeiro, chegadas á idade da xubilación non contan con pensión algunha, xa que o núcleo familiar “non se puido permitir” o pago da Seguridade Social para dúas persoas, sendo a muller a que prescinde -ou fáiselle prescindir- desta cobertura.

Denunciamos tamén a falta de recoñecemento das achegas que as mulleres realizamos á sociedade, engadindo a miúdo á nosa xornada laboral a responsabilidade do coidado da familia e mesmo a prestación de servizos sociais (coidado de maiores, etc), sen que nin a Administración nin grande parte da sociedade valore o noso esforzo.

Iso si, nós, as mulleres labregas, somos perfectamente conscientes da importancia do noso traballo. E valorámonos como peza fundamental na loita pola consecución do benestar social, non só derivado da alimentación sa e de calidade que proporcionamos, senón tamén do papel que realizamos como coidadoras das persoas e da terra.

A participación na toma de decisións e execución das mesmas, fortemente vinculada ao concepto de visibilidade das mulleres labregas, revelouse neste foro como un obxectivo fundamental na nosa loita.

Rexeitamos os simulacros de atención á especificidade das mulleres labregas ao estilo do Foro Europeo “As Mulleres no Desenvolvemento Sustentable do Medio Rural”, que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) está a levar a cabo durante estes días en Cáceres. “Estamos fartas de que se fale das mulleres labregas sen as mulleres campesiñas”.

Constatouse tamén que as labregas non nos sentimos representadas no modelo industrial de produción agraria, encadrado no actual sistema capitalista neoliberal e patriarcal, que destrúe a diario os nosos proxectos de produción de alimentos e reserva para nós postos de traballo cada vez máis precarios.

As mulleres reafirmámonos na nosa relación especial co medio, rexida por unha actitude de respecto e coidado pola terra e a natureza. As mulleres labregas demandamos e loitamos por un sistema produtivo alimentario realizado por persoas para as persoas. E decidimos implicarnos, como campesiñas europeas, na loita internacional das mulleres do mundo.

Convencidas da consistente certeza dos nosos posicionamentos, esiximos o recoñecemento oportuno e identificamos a discriminación da opinión das mulleres como unha forma máis de violencia contra nós.

As mulleres produtoras de alimentos reiteramos que o fracaso do actual sistema produtivo, baseado na explotación exacervada de recursos e a intensificación industrial, fica máis que constatado a día de hoxe, con miles de labregas e labregos arruinados, a privatización da produción alimentaria polas multinacionais e a taxa de mortalidade por fame máis alta da historia da humanidade.