A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG reclama a implicación dos medios de comunicación e das administracións públicas para rematar coa lacra da violencia de xénero

A Secretaría das Mulleres do SLG reclama a implicación dos medios de comunicación e das administracións públicas para rematar coa lacra da violencia de xénero

25 de Novembro do 2010

Non á violencia de xénero

Dende o 29 de xullo de 2005, data da aprobación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, 340 mulleres foron asasinadas a man das súas parellas ou ex-parellas sentimentais, acordáronse máis de 140.936 ordes de protección nos xulgados de violencia sobre a muller. O total de condenados na xurisdición penal por violencia de xénero ascendeu a 145.166.

No que vai de ano, 62 mulleres perderon a vida a man das súas parellas ou ex parellas sentimentais. Delas, 14 denunciaran con anterioridade aos seus agresores, segundo informou o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Estas cifras superan as recollidas na totalidade do 2009, ano no que se rexistraron 55 casos (50 ata o mes de novembro). No día internacional contra a violencia que afecta ás mulleres, observamos con gran preocupación o incremento de comportamentos violentos, sendo un dos seus trazos máis visibles a terrible cifra de 62 mulleres asasinadas no estado español neste 2010.

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, neste 25 de novembro, queremos solicitarlles ás administracións públicas unha implicación definitiva para erradicar a violencia que afecta ás mulleres. As cifras amósannos con claridade que esta é unha problemática para a que non se deben escatimar medios e respecto á cal non pode haber ningún tipo de recorte orzamentario. Pola contra, máis ben serían precisas medidas adicionais para erradicar esta lacra social, como, por exemplo, que a Administración actúe para prohibir a divulgación de modelos que incitan a este tipo de violencia. Neste senso, a Secretaría das Mulleres do SLG denuncia que segue a haber proliferación de espazos nos medios de comunicación no que as mulleres aparecen como un obxecto sexual e abondan modelos masculinos nos que se pon énfase na intimidación, no poder e na violencia.

Ademais, a maioría dos nenos e nenas de calquera contorno, sexa urbano ou rural, están expostos e expostas a programas nos que o único fin é amosar as peripecias de adolescentes en relacións amorosas e sexuais, estereotipadas e machistas. As e os adolescentes son constantemente presionados para que se volvan activos e activas sexualmente, antes mesmo de coñecer a fondo as bases emocionais ou a información precisa para unha sexualidade responsable. Habituais tamén son os espazos nos que se divulgan valores absolutamente antidemocráticos e patriarcais, nos que as nenas e as mulleres só son valoradas en función do seu aspecto, son tratadas como un obxecto para agradar aos homes, ou son constantemente sometidas a vexacións polas súas opinións, físico, etcétera.

Para a Secretaría das Mulleres, resulta evidente que non sería xusto responsabilizar aos medios de comunicación do fenómeno da violencia sobre as mulleres, posto que é unha cuestión moito máis complexa e na que inciden moitos factores. Non é menos certo, sen embargo, que teñen un importante papel na sociedade actual e que os valores que transmiten en moitos temas poden contribuír nunha ou noutra dirección.

En todo caso, a Secretaría das Mulleres do SLG solicita que, dende a Administración e dende os propios medios de comunicación, se traballe para transmitir outro tipo de valores que contribúan a formar unha sociedade máis xusta e igualitaria para as mulleres e para os homes, e nos que a discriminación e a violencia contra as mulleres sexan rexeitadas con contundencia por todos e todas nós.

Violencia de Xénero