A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG congratúlase pola nova lei que recoñecerá a titularidade compartida nas explotacións

A Secretaría das Mulleres do SLG congratúlase pola nova lei que recoñecerá a titularidade compartida nas explotacións

22 de Marzo do 2011

Isabel Vilalba no MARM

A responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, participou hoxe, 22 de marzo, nun encontro celebrado no Ministerio de Medio Rural (MARM) no que se presentou o borrador da futura Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións. Por parte do MARM, estiveron na reunión o secretario xeral de Medio Rural, Eduardo Tamarit; a secretaria xeral técnica, Alicia Camacho; a subdirectora xeral de Igualdade e Modernización, Paloma López Izquierdo; e o subdirector xeral de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, Jesús Casas.

A primeira valoración feita por Isabel Vilalba, trala xuntanza, foi positiva, xa que considerou o borrador presentado como “un salto cualitativo moi importante, froito da constancia que organizacións, como a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, mantivemos á hora de denunciar, durante décadas, a situación de flagrante desigualdade que estaban a sufrir milleiros de mulleres labregas en todo o Estado, mulleres que traballan e comparten responsabilidades xunto aos seus cónxuxes, pero que carecen dos dereitos máis básicos na súa profesión ao non poder figurar como titulares da explotación na que traballan”. Vilalba expresou o seu desexo de que, tras tantos anos agardando, o borrador se converta en lei o máis axiña posíbel para pór fin, dunha vez por todas, a unha forte discriminación sufrida polas labregas que sempre se amparou no baleiro legal existente.

Cómpre lembrar que se atopan nesta situación -a de labregas que traballan na explotación familiar sen ser titulares dela- 35.000 mulleres na Galiza, e 400.000 no conxunto do Estado. Estamos a falar miles de mulleres que, en pleno século XXI, traballan a tempo completo en explotacións agrarias que están a nome dos seus cónxuxes e que, polo tanto, carecen de ingresos propios e de dereitos sobre a explotación -cotas leiteiras, por exemplo-, non poden solicitar axudas ao seu nome, non poden xestionar ningún tipo de trámite, non teñen beneficios fiscais, etcétera. Así, atopámonos con miles de mulleres nunha situación de vulnerabilidade extrema que, mesmo, fai que moitas se resignen a seguir no fogar incluso en casos de violencia doméstica, por ter como único medio de vida unha explotación agraria sobre a que non teñen ningún tipo de dereito.

Se o borrador presentado hoxe no Ministerio de Agricultura prospera e se converte en lei, quedará recoñecida a figura da titularidade compartida, que recoñece á muller e ao seu cónxuxe o 50% dos dereitos da explotación, o 50% dos ingresos que se xeren e igual capacidade para xestionar e representar esa explotación.

En principio, está previsto que o borrador pase polo Consello de Ministros este venres para, despois, abrilo ás achegas das diversas organizacións sociais. Neste senso, a Secretaría das Mulleres do SLG aproveitará un encontro, que se celebrará esta fin de semana en Xinzo de Limia (Ourense), para estudar polo miúdo o texto. De todos xeitos, hai aspectos do borrador que, para a Secretaría das Mulleres, son mellorábeis. Por exemplo, aínda que o borrador recoñece de oficio a titularidade compartida, contempla que esta deba ser solicitada voluntariamente e por acordo das persoas afectadas; para a Secretaría das Mulleres, o recoñecemento da titularidade compartida debería facerse cando a muller o solicite e demostre a súa participación na explotación, haxa ou non acordo co cónxuxe pois, en caso contrario, nunha relación desigual as mulleres poderían quedar nunha situación vulnerable sen ver recoñecidos os seus dereitos.

A maiores, a Secretaría das Mulleres do SLG vai seguir reivindicando que se arbitren xeitos para que as mulleres labregas poidan ter unhas cotizacións accesíbeis á Seguridade Social, e que as pensións e coberturas que se deriven de cotizar sexan dignas.

Isabel Vilalba no MARM