A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG fixará no seu encontro de Sarreaus a posición diante do anteproxecto da Lei de Titularidade Compartida nas explotacións

A Secretaría das Mulleres do SLG fixará no seu encontro de Sarreaus a posición diante do anteproxecto da Lei de Titularidade Compartida nas explotacións

25 de Marzo do 2011

Isabel Vilalba

A responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, ofreceu hoxe, 24 de marzo, unha rolda de prensa para presentar o programa do VIII Encontro de Mulleres do SLG, que se celebrará do 25 ao 27 de marzo na aldea de Couso (Sarreaus) e, de paso, anunciar a manifestación que terá lugar este sábado, 26 de marzo, na cidade de Ourense. Esta mobilización, que comezará ás 12:00 horas na Alameda e discorrerá até a subdelegación do Goberno no parque San Lázaro, ten por obxectivo protestar contra a reforma das pensións levada a cabo polo Goberno Central, xa que terá un especial impacto no colectivo de mulleres labregas.

As estatísticas reflicten que moitas labregas non cotizan ou que o comezan a facer a unha idade avanzada. A causa disto é a crise perpetua a que están sometidos todos os sectores agropecuarios, cos custes de produción en constante alza e os prezos en orixe estancados ou caendo. Isto obriga, de cotío, a que as mulleres non coticen até os últimos anos da súa vida laboral, a pesares de facer o mesmo traballo có seu cónxuxe na explotación, quen si adoita a cotizar dende o inicio.

As labregas que cotizan, ás penas chegan a facelo durante vinte anos. Segundo datos achegados do Consello Económico e Social, no sector agrícola, dos homes cotizantes o 79’86% posúen máis de 35 anos cotizados; mentres que das mulleres só o 5’55% chegan a superar eses 35 anos. Por iso, elevar o tempo de cotización a 37 anos e medio vai provocar que o meirande das mulleres labregas cotizantes sufran severas reducións no importe das súas pensións cando se xubilen; ou que fiquen condenadas a sobrevivir con misérrimas pensións de viuvez ou non contributivas despois de toda unha vida de traballo.

A maiores, as mulleres do SLG aproveitarán o encontro de Couso para debater e fixar unha posición diante do borrador do anteproxecto da Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, que presentou o Ministerio de Agricultura o pasado 22 de marzo e que será validado este venres, 25 de marzo, polo Consello de Ministros. De primeiras, a Secretaría das Mulleres do SLG valorou positivamente o texto legal presentado, xa que senta as bases para solucionar un problema de flagrante discriminación que padecen 35.000 labregas na Galiza que traballan en explotacións familiares a nome dos seus cónxuxes e que, polo tanto, carecen de ingresos propios e de dereitos sobre a explotación -cotas leiteiras, por exemplo-, non poden solicitar axudas ao seu nome, non poden xestionar ningún tipo de trámite, non teñen beneficios fiscais, etcétera. Así, atopámonos con miles de mulleres nunha situación de vulnerabilidade extrema que, mesmo, fai que moitas se resignen a seguir no fogar incluso en casos de violencia doméstica, por ter como único medio de vida unha explotación agraria sobre a que non teñen ningún tipo de dereito.

Isabel Vilalba 

  1. Programa do VIII Encontro de Mulleres do SLG
Venres, 25 de marzo

18,00 H.- Chegada.

18,30 H.- Benvida e presentación do programa

19,00 H.- As políticas privatizadoras de servizos e recursos naturais, como nos afectan ás mulleres? - Debate.

21,00 H.- Cea, cos productos caseiros que cada unha aporte.

Intercambio de sementes.

 

Sábado, 26 de marzo 

9,30 H.- A reforma das pensións. Valoración.

Como nos afecta ás labregas?

11,00 H.- Saída para participar na manifestación, en defensa de seguridade social asequible para todas e pensións dignas e contra a invisibilización das labregas.

12,00 H.- Manifestación en Ourense polo dereito a ter unha pensión digna e a poder cotizar a seguridade social

14,00 H.- Comida

16,00 H.- Visita a Lodoselo

20,00 H.- Presentación do libro de Tareixa Ledo, “Lídia Senra Rodriguez. A historia dun liderado entrañable”

22:30 H - Cea

 

Domingo, 27 de marzo 

9,30 H.- A titularidade compartida. En que punto estamos?

10,30 H.- Proxeción do documental “Digna Rabia”

Debate

12,30 H.- Elaboración do plan de traballo ate o próximo encontro (organizativo, reivindicativo e movilizador). Congreso nacional do Sindicato, Lei de Reforma das Pensións, Titularidade Compartida.

14,00 H.- Comida e despedida

 

LUGAR DE CELEBRACIÓN: 

ALDEA DE COUSO – GALÁN

Avda. De Couso, s/n – 32631 Couso

Sarreaus – Ourense