A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Máis de duascentas mulleres do SLG manifestáronse en Ourense contra a violencia económica provocada pola reforma das pensións

Máis de duascentas mulleres do SLG manifestáronse en Ourense contra a violencia económica provocada pola reforma das pensións

26 de Marzo do 2011

Manifestación

Unhas duascentas mulleres do Sindicato Labrego Galego achegáronse até Ourense, o 26 de marzo, para manifestarse diante da subdelegación do Goberno e protestar contra unha reforma das pensións especialmente lesiva para as labregas. Tras unha pancarta con slogans como “Non máis invisibilidade”, “Por unha Seguridade Social asequíbel” ou “Pensións dignas para todas”, e berrando consignas como “Labregas somos, labregas seremos, pola igualdade sempre loitaremos”, a manifestación discorreu dende a Alameda, pola avenida de Pontevedra, Lamas Carvajal e rúa do Paseo até chegar ao parque San Lázaro.

A encargada de dirixirse ás manifestantes foi a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, Isabel Vilalba, quen denunciou que a reforma das pensións “provocou unha discriminación sen precedentes dos colectivos máis vulnerables, como o das mulleres que viven da agricultura”. Isto é así porque a reforma recortou os complementos mínimos que se destinan a complementar as pensións máis baixas; aumentou a idade de xubilación aos 67 nunha profesión, como a labrega, que deixa importantes secuelas físicas ao final da vida laboral; e se ampliou o tempo de cotización para poder cobrar íntegra a pensión á que se ten dereito a 37 anos. Respecto disto último, as estatísticas din que só un 5’5% de mulleres labregas chega a cotizar 35 anos, o que significa que o 94’5% das mulleres labregas restantes non terá dereito a cobrar integramente a súa xubilación. Por se non abondase, a partir do 2022, o cómputo para fixar a pensión de xubilación sairá da media dos últimos 25 anos cotizados (agora a media sácase dos últimos quince anos) o cal provocará que as pensións diminúan aínda máis. En resume: a reforma das pensións implica que as mulleres labregas van ter que cotizar máis para ter peores pensións.

Isabel Vilalba tamén criticou que se estea a instrumentalizar ás mulleres dende o Goberno, xa que se lle está dando publicidade a medidas que, en teoría, están destinadas a axudar ás mulleres máis desfavorecidas pero que, en realidade, de pouco serven. Vilalba puxo como exemplo a posibilidade de que as mulleres que sufren violencia poidan ter unha xubilación anticipada, o cal está ben; mais a pouco que se estuda a lei, descubrimos que esas mulleres que sofren violencia terán que ter cotizados, alomenos, 33 anos, para ter dereito a esa xubilación anticipada, co cal se volve a excluír ao meirande das labregas deste tipo de axudas.

A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG lembrou que unhas das formas de violencia que máis sofren as mulleres é aquela que ten que ver coas condicións económicas precarias. A violencia económica xa ten sido denunciada pola propia ONU, e as medidas que está a levar adiante o Goberno coa reforma das pensións son todo un ataque de violencia económica que terá un impacto dramático nas mulleres que traballan nas explotacións agrogandeiras do noso país.

Manifestación de mulleres en Ourense