A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG pide que non sexa necesario o permiso do cónxuxe para que as labregas poidan ser titulares

A Secretaría das Mulleres do SLG pide que non sexa necesario o permiso do cónxuxe para que as labregas poidan ser titulares

14 de Abril do 2011

Isabel Vilalba na Delegación do Goberno

A responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, entregou, o 14 de abril, na Delegación do Goberno na Coruña, un documento con alegacións ao anteproxecto de Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións.


A primeira das alegacións pedía que ás labregas se lles recoñezan os seus dereitos como titulares da explotación na que traballan sen necesidade de ter o permiso do seu cónxuxe, tal e como contempla agora mesmo o borrador da lei; pois, segundo reza a alegación, “prever a inscrición só cando as mulleres teñan o permiso dos homes significa deixar fóra a aquelas mulleres que estean en situacións de máis desigualdade e vulnerabilidade”. Para isto, debería bastar con que as mulleres demostren “que estiveron traballando de xeito directo e persoal, cotizando á Seguridade Social e cumprindo os demais requisitos que prevé a lei”.

Outra das alegacións ten que ver con que, en Galiza, o Servizo Galego de Igualdade da Xunta do bipartito creou unhas axudas para fomentar que as mulleres se inscribisen nun rexistro como co-titulares. Centos de labregas da Galiza acolléronse a esta medida e solicitaron a inscrición. Mais, ao final, o rexistro non se habilitou e estas labregas non foron inscritas. Respecto disto, as alegacións da Secretaría das Mulleres piden que se habilite un rexistro e que se dea un prazo para facelo en todas as comunidades autónomas que non o teñan. A maiores, tamén se pediu que se recuperen todos os expedientes das mulleres que, no pasado, solicitaron a inscrición pois, en caso contrario, pode ocorrer que aquelas que fixeron todo o que lles esixiu a Administración para rexistrarse como titulares pensen que están inscritas cando, en realidade, non o están.

Un dos apartados do borrador da lei titúlase “medidas en materia de Seguridade Social”; nembargante, no texto non aparece ningunha medida neste senso. Por iso, A Secretaría das Mulleres do SLG incluíu alegacións pedindo que o recoñecemento dos dereitos das labregas se amplíe cunha Seguridade Social asequíbel. A reforma da Seguridade Social Agraria en 2007, e a recente reforma do sistema de pensións, encareceu notablemente as cotizacións e puxéronlle máis difícil ás mulleres o acceso a unha xubilación digna. As estatísticas falan por si mesmas: só un 5’5% das mulleres labregas acadan os 35 anos cotizados cando chegan á xubilación e máis do 32% chega hoxe aos 65 con quince anos cotizado ou menos. Isto explícase porque os sectores agrogandeiros levan sufrindo unha crise perpetua nas últimas décadas. As dificultades económicas, unidas a unha cultura marcadamente patriarcal, fai que cando alguén ten que quedar sen cotizar na explotación para aforrar custes, ese alguén sexa sempre a muller. Por iso, as alegacións da Secretaría das Mulleres do SLG piden “que se arbitren novas medidas para apoiar a cotización das mulleres, un sistema de cotización modulada segundo os ingresos e, mesmo, que se recoñeza ás mulleres labregas coma un colectivo especialmente vulnerable e, polo tanto, con menores esixencias de cotización”.

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego amosou, dende o principio, o seu apoio á Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, pois supón un paso adiante en positivo para atallar a flagrante discriminación que están a sufrir as mulleres que se dedican á agricultura e á gandería neste país. Estamos a falar miles de mulleres -35.000 na Galiza- que, en pleno século XXI, traballan a tempo completo en explotacións que están a nome dos seus cónxuxes e que, polo tanto, carecen de ingresos propios e de dereitos sobre a explotación -cotas leiteiras, por exemplo-, non poden solicitar axudas ao seu nome, non poden xestionar ningún tipo de trámite, non teñen beneficios fiscais, etcétera. Trátase de miles de mulleres nunha situación de vulnerabilidade extrema que, mesmo, fai que moitas se resignen a seguir no fogar incluso en casos de violencia doméstica, por ter como único medio de vida unha explotación agraria sobre a que non teñen ningún tipo de dereito. A pesares de apoiar a Lei de Titularidade Compartida, dende a Secretaria das Mulleres do SLG pensamos que o texto é mellorable en moitos aspectos, coma os devanditos, e que sería unha mágoa que se publicase con defectos que poderían deixar a súa efectividade en auga de castañas.

Isabel Vilalba na Delegación do Goberno