A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG considera imprescindible a implicación das Administracións na aplicación da Lei de Titularidade Compartida

A Secretaría das Mulleres do SLG considera imprescindible a implicación das Administracións na aplicación da Lei de Titularidade Compartida

24 de Septembro do 2011

Secretaría das Mulleres

Para a Secretaría das Mulleres do SLG é un feito histórico que o Congreso aprobase, o 22 de setembro, a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións. Esta era unha reivindicación fundamental pola que leva loitando moitos anos a Secretaría das Mulleres e é un paso importantísimo de cara a acadar a igualdade real nas explotacións e na actividade agraria.

A pesares da importancia desta decisión, agora queda por diante o difícil camiño de levar esta lei á práctica, de conseguir que no 100% das explotacións da Galiza e do Estado as mulleres traballen en pé de igualdade cos homes. Para o SLG, as mulleres labregas deberían acceder á titularidade das explotacións, tanto se o solicitan voluntariamente como se non, pois non se pode permitir, en pleno século XXI, que haxa traballadoras que carezan de dereitos tan básicos como ter ingresos propios polo seu traballo, como acontece coas agricultoras non titulares. Por todo isto, a Secretaría das Mulleres sempre propuxo que a titularidade se lle concedese de oficio a todas as labregas en activo; sen embargo, a nova lei só contempla a posibilidade de que teñan que ser as propias agricultoras, coa sinatura das súas parellas, as que a soliciten voluntariamente.

Dende este punto de vista, a Secretaría das Mulleres do SLG quere facer un chamamento, tanto ao Ministerio de Medio Rural como aos gobernos autónomos, e en especial á Xunta de Galiza, para que poñan todo o seu empeño á hora de promover a aplicación desta lei e para animar ás mulleres labregas que aínda non son titulares a que dean un paso adiante para selo. A este respecto, a Secretaría das Mulleres do SLG anunciou que porá toda a súa capacidade de traballo nesta tarefa. Cómpre lembrar que só na Galiza hai 35.000 labregas que non son titulares da explotación familiar na que traballan, cifra que ascende a 400.000 no conxunto do Estado Español.

Por outra banda, hai mulleres labregas galegas que no pasado solicitaron ser consideradas cotitulares e realizaron todos os trámites que se lles indicou por parte da Administración, sen que finalmente se habilitase o Rexistro de Titularidade Compartida na Galiza. É posible que estas mulleres pensen que están en igualdade de dereitos cos seus compañeiros, polo que urxe retomar todos eses expedientes, e proceder á súa inscrición definitiva. A Administración ten na súa man promover de diferentes xeitos a inscrición e rachar con esta situación de desigualdade histórica, xa que a Lei é unha oportunidade para esa equiparación de dereitos, pero só será efectiva se hai miles de solicitudes de todas as mulleres que están nesa situación.

Tamén, de cara a acadar a igualdade nas explotacións, a Secretaría das Mulleres do SLG seguirá traballando para que se incentive a cotización á Seguridade Social por parte das labregas (só o 5’55% chegan na actualidade a cotizar 35 anos ao final da súa vida laboral, fronte ao case 80% dos homes). A situación actual de perda de poder adquisitivo e o incremento dos custos de cotización fai que moitas mulleres non podan afrontar os pagamentos para dispor das coberturas sociais básicas, o que no contexto da actual Reforma do Sistema de Pensións fará que tamén no futuro non podan ter unha pensión propia ou que esta sexa moi baixa. Cómpren medidas que lle dean solución a este problema que é realmente grave.

Secretaría das Mulleres do SLG