A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. 25 de novembro: A indiferencia pode ser unha arma letal

25 de novembro: A indiferencia pode ser unha arma letal

25 de Novembro do 2011

Secretaría das Mulleres do SLG

Neste 25 de novembro, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego fai un chamamento ás administracións públicas e á sociedade no seu conxunto para rematar coa maior lacra social que temos na actualidade. Case 70 mulleres e 14 persoas relacionadas con elas foron asasinadas neste 2011. Cómpre facermos entre todas e todos unha reflexión profunda para recoñecer a barbarie que significan máis de 80 mortes violentas por esta causa.

Cómpre, dunha vez por todas, tomar as medidas necesarias, posto que unha sociedade que se di democrática non pode consentir esta situación. Ás veces atopámonos con campañas moi estéticas, mesmo poéticas, para denunciar esta forma de violencia, tentando abordar dun xeito amable, restándolle dramatismo, a  un feito dunha crueldade sen límites.

Hai toda unha serie de desigualdades e de violencias consentidas coas que nos acostumamos a vivir nesta espiral de violencia. Na educación, os medios de comunicación, os videoxogos e outros produtos culturais estanse a promover roles completamente diferenciados para mulleres e homes, nenas e nenos. No caso feminino, difúndense valores de subordinación, inferioridade, dependencia...; fronte aos estereotipos masculinos onde priman os valores de dominio, fortaleza, violencia, éxito a través da dispoñibilidade das mulleres e dos seus corpos... A violencia e mesmo o sadismo aparecen xa como unha marca desta denominada  postmodernidade, o que non deixa de ser unha mostra da súa decadencia e perda de valores.

A falta de dereitos propios e de autonomía económica fai que moitas mulleres tamén sexan extraordinariamente vulnerables ante as situacións de violencia. Por iso, dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego pensamos que é fundamental que as Administracións asuman con urxencia a necesidade de que as mulleres se empoderen e teñan garantido dereitos de seu; e no caso das mulleres labregas en particular, que a partir do mes de xaneiro, momento no que entra en vigor a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións Agrarias, se comprometan para chegar á totalidade de mulleres que hoxe son consideradas “axuda familiar”, acabando coa súa invisibilidade e discriminación históricas.

Neste momento, estanse a reducir moito os recursos para políticas públicas e, dado que está demostrado que cando se eliminan recursos estase a incrementar a precariedade das mulleres, faise necesario buscar saídas para esta crise con outros criterios que non afecten ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade; e no caso da violencia contra as mulleres, existe a urxencia inadiable de reforzar os recursos e as estratexias para a súa eliminación.

Dende o medio rural, asistimos con dobre preocupación ás medidas de recorte posto que moitas veces xustifícase a desaparición dos poucos servizos existentes nos nosos concellos co argumento de que hai pouca poboación. Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, pensamos que facer políticas axeitadas para o medio rural e xerar riqueza e emprego pode ser un dos camiños para a solución  e afirmamos que é de xustiza dispor dos recursos axeitados para  vivir dignamente e sen violencia,  vivamos onde vivamos.

Como colectivo integrante da Marcha Mundial de Mulleres, chamamos á participación nas concentracións convocadas por este movemento internacional na Galiza este 25 de novembro.