A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Comunicado da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego polo 8 de marzo

Comunicado da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego polo 8 de marzo

8 de Marzo do 2013

Secretaría das Mulleres

Este 8 de Marzo do 2013, Día Internacional das Mulleres, atopámonos nun contexto no que día sí e día tamén, escoitamos aos gobernos falar de débeda pública, prima de risco, recortes, políticas de axuste, rescates, adelgazamento da administración...

Constatamos que detrás destas palabras, hai políticas activas dos gobernos (galego, español e UE, decisións do Fondo Monetario Internacional, do Banco Mundial...) para traspasar o diñeiro público aos grandes grupos de poder que constitúen o capital financeiro. Políticas que consisten en que o BCE preste diñeiro aos bancos ao 1% e os bancos o presten aos gobernos ao 7%, facendo impagábeis as débedas dos estados.

Denunciamos a actitude dos gobernos de anteporen os intereses do capital financeiro especulativo por diante dos dereitos básicos das persoas e que, no noso caso, se plasma na reforma da Constitución española que prioriza o pago da débeda. Unha débeda que no 2013, só en intereses, vai supoñer case 39.000 millóns de € ao erario público.

Así estamos vendo como, ano tras ano, os gobernos están recortando os orzamentos destinados a financiar os servizos públicos esenciais para o desenvolvemeno das persoas (ensino, sanidade, servizos sociais), así como en políticas de igualdade, loita contra exclusión social e a pobreza, loita contra a violencia machista, políticas de vivenda, políticas de emprego...

Constatamos como as políticas que nos impoñen co pretexto de saír da crise e de facerlle fronte á débeda lévannos a unha situación de tremenda precarización dos nosos postos de traballo e da nosa vida. Os elevados custes de produción provocados entre outras pola subida do IVE, gasóleo, taxas administrativas, xunto co estancamento e coa baixada dos prezos dos nosos produtos, están poñendo ao borde do abismo ás nosas explotacións, cun aumento da presión e da carga de traballo sobre as mulleres que nos enferma, ate o ponto de ver incrementada dunha maneira importante enfermidades como a ansiedade e as depresións.

Novamente, igual que nos anos 70, estasenos obrigando a decidir si pagamos a Seguridade Social ou se estudamos as fillas e os fillos ou facemos frente a outras prioridades. Outra vez, planea a pantasma da expulsión das labregas da Seguridade Social co que conleva en perda de dereitos.

Constatamos horrorizadas como as nosas fillas e os nosos fillos, volven verse obrigadas a coller o camiño da emigración para labrarse o futuro que os nosos gobernos lles negan, sen importarlles tirar pola borda os esforzos das familias e da sociedade para ter unha xuventude formada.

Os recortes orzamentarios na sanidade, no ensino e nos servizos sociais van no camiño de desmantelar estes servizos e convertelos nun negocio para os grandes grupos inversores dificultando o aceso ós mesmos das clases populares, cun impacto especial nas mulleres.

A escola pública xa está sendo afectada coa diminución do profesorado e o aumento de alumnado por aula. A mobilización das ANPAS da montaña de Lugo e de Ourense están poñendo de manifesto o especial impacto destas medidas no medio rural.

A perda do carácter universal da sanidade, o repago, son tamén o inicio dun proceso de cara a inminente privatización doutro servizo básico para a cidadanía cunha especial incidencia nas labregas e na poboación do medio rural.

Sendo as pensións no medio rural das máis baixas, especialmente, as das labregas despois da última reforma, o horizonte que se nos presenta fainos recordar a beneficiencia e a pobreza dos anos duros do franquismo.

Por todo isto, neste 8 de marzo as mulleres labregas ESIXIMOS:

  • Estar firmemente decididas a nos consentir que a brecha entre ricos e pobres siga aumentando.
  • A débeda pública como ilexítima, porque para salvagardar os intereses do capital especulativo atenta contra os intereses e o benestar dos pobos. Esiximos que se suprima da Constitución a prioridade de pagar a débeda. Nós non debemos, nós non pagamos.
  • Estar firmemente decididas a manter os nosos postos de traballo como labregas, correctamente remuneradas e con dereitos. Esiximos, prezos dignos que remuneren o noso traballo;  a aplicación xa, da Lei de Titularidade Compartida e o mantemento da actual Lei do Aborto.
  • Estar firmemente decididas a loitar contra o abandono das políticas públicas e contra a privatizacion dos servizos públicos e dos recursos naturais como a auga e as sementes.

Entre o 8 e o 10 de marzo participaremos no encontro da Coordinadora Europea da Vía Campesina que se celebra en Santiago de Compostela. Encontro de traballo onde se analizarán o feito no último ano en cuestións como a loita contra a violencia machista no medio rural ou polo recoñecemento dos dereitos das labregas en Europa

Este espazo tamén servirá para a preparación da IV Asamblea de Mulleres previa á VI Conferencia Internacional da Vía Campensina, que se celebrará en xuño do 2013 en Iacarta – Indonesia.

O sábado 9 de marzo participaremos na manifestación convocada ás 12:30 con saída na estación de tren de Compostela. Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego convidámoste a participar na mobilización.