A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Encontro de traballo das mulleres da Coordinadora Europea da Vía Campesina en Compostela

Encontro de traballo das mulleres da Coordinadora Europea da Vía Campesina en Compostela

7 de Marzo do 2013

ECVC

Os días 8, 9 e 10 celébrase en Compostela a reunión do grupo de traballo de mulleres da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC). Asistirán mulleres de diversa procedencia xeográfica: desde Andalucía ou Cantabria, a nivel de Estado; até de países como Austria, Italia, Noruega, Polonia ou Portugal.

Neste encontro, as participantes valorarán todo o traballo desenvolvido nesta área da ECVC durante o último ano, e definirán as liñas de actuación para o 2013 a nivel europeo. Tamén aproveitarán a xuntanza para preparar a IV Asemblea de Mulleres previa á VI Conferencia Internacional da Vía Campesina, que se celebrará do 6 ao 12 de xuño de 2013 en Iacarta (Indonesia).

Dentro das actividades que vén realizando este grupo de traballo, destacan as accións polo recoñecemento dos dereitos das labregas no marco europeo e a loita para atallar a violencia que sufren as mulleres do medio rural.

Aínda que se trata dun encontro interno, o sábado 9 de marzo realizarase un debate público no que participarán, amais das representantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina, mulleres do Sindicato Labrego Galego. Nesta xuntanza aberta analizarase como está afectando a crise que estamos vivindo ás mulleres labregas en toda Europa. Posteriormente, todas as mulleres que participen neste debate, uniranse á manifestación que varios colectivos feministas convocaron en Compostela con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres.

De seguido, achegamos o programa do encontro:

Venres 8 de marzo

15:00 -16:30

  • Rolda de presentación: situación das mulleres en cada país e na organización. Traballo de mulleres na organización (10 minutos por organización). Moderadora: María Ferreiro (responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego.

17:00 -19:00

  • Informacion sobre o traballo do grupo (reunións previas, documentos existentes, campaña en contra da violencia) (30 minutos) Coordina Lidia Senra, responsable do Grupo de Traballo de Mulleres da Vía Campesina en Europa.
  • Intercambio en grupos sobre obxectivos de traballo de mulleres (60 minutos): que temas  queren traballar dende a perspectiva das mulleres? De que xeito?
  • Presentación en pleno de discusións de grupo (30 minutos)

Sabado 9 de marzo

10:30 –11:50

  • Debate público: Análise da situación das labregas en Europa nun contexto de crise.

12:00 -14:00

  • Manifestación con colectivos de mulleres

16:00 – 17:30

  • Traballo en grupos sobre o impacto da crise nas mulleres labregas.  

18:00 – 19:00

  • Compartir en plenaria resultado de grupos

19:15 -20:30

  • Proposta de cambios de documentos. Revisión de reivindicacións.

Domingo 10 de marzo

9:30 –11:30

  • Reivindicacións e estratexias a nivel europeo. Concretar en propostas.

12:00 –13:30

  • Preparacion da Asemblea Xeral da ECVC.
  • Representación das mulleres no Comité Coordinador e no Comité Coordinador Internacional

15:00 -17:00

  • Preparacion da Asemblea de Mulleres de Vía Campesina e da sexta Conferencia.
  • Contribucións ao Manifesto de Mulleres
  • Contribucións ao texto da Vía Campesina