A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. As mulleres da Vía Campesina analizaron na Galiza como a crise agrava a desigualdade das labregas

As mulleres da Vía Campesina analizaron na Galiza como a crise agrava a desigualdade das labregas

11 de Marzo do 2013

Pancarta

Os días 8, 9 e 10 de marzo celebrouse en Lampai (Teo) a reunión do grupo de traballo de mulleres da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC). Ademais das anfitrioas galegas e das compañeiras do Estado Español, asistiron mulleres de países como Austria, Italia, Noruega e Polonia. Tamén participou unha representante da Vía Campesina de América Latina, a brasileira Camila Bossana, do Movimento d@s Sem Terra (MST).

Neste encontro, as participantes valoraron todo o traballo desenvolvido na área das mulleres na ECVC durante o último ano, e definiron as liñas de actuación para o 2013 a nivel europeo. Tamén aproveitaron a xuntanza para preparar a IV Asemblea de Mulleres previa á VI Conferencia Internacional da Vía Campesina, que se celebrará do 6 ao 12 de xuño de 2013 en Iacarta (Indonesia).

Dentro das actividades que vén realizando este grupo de traballo, destacan as accións polo recoñecemento dos dereitos das labregas no marco europeo e a loita para atallar a violencia que sofren as mulleres do medio rural.

Aínda que foi un encontro interno, o sábado 9 de marzo fíxose un debate público no que participaron, amais das representantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina, mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG). Esta xornada de portas abertas comezou coa intervención de Nadia Álvarez, do colectivo feminista Andaina, que fixo unha análise de como a crise está afectando moito máis ás mulleres e, en especial, a aquelas que viven no medio rural ou traballan nalgún sector agrogandeiro. Neste senso, a responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro Santos, denunciou que moitas labregas están deixando de cotizar á Seguridade Social ao ver reducidos os ingresos das súas explotacións por mor do encarecemento dos insumos, do incremento dos impostos e dos baixos prezos en orixe. Ademais, o desmantelamento de servizos sociais que teñen que ver co coidado das persoas maiores e da rapazada, tradúcese nun aumento do traballo doméstico das profesionais da agricultura e, polo tanto, nunha perda notable de independencia. E isto nun contexto no que nin sequera se avanzou en igualdade debido á ineficacia da Lei de Titularidade Compartida. Inmacuada Idáñez Vargas, responsable da Área da Muller da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) denunciou o fracaso absoluto deste texto lexislativo polo seu carácter voluntario e non obrigatorio. Isto fixo que das 200.000 labregas no Estado Español que non son titulares da explotación na que traballan, ás penas un cento delas teñan solicitado a titularidade a día de hoxe, cando a lei entrou en vigor en outubro de 2011.

O debate interrompeuse para poder participar na manifestación convocada por diversos colectivos feministas en Compostela con motivo do Día Internacional das Mulleres. Xa polo serán, o traballo continuou en grupos de cara a facer unha análise máis profunda das cuestións devanditas de cara a darlles resposta cunha serie de demandas adaptadas aos profundos cambios que está a causar a crise no medio rural e na profesión agraria, en xeral; e nas mulleres labregas, en particular.

Mulleres labregasSe desexas ver máis imaxes, preme AQUÍ