A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG denuncia listas de espera de 3 anos para consultas xinecolóxicas na Terra Chá

A Secretaría das Mulleres do SLG denuncia listas de espera de 3 anos para consultas xinecolóxicas na Terra Chá

1 de Novembro do 2013

PAC Vilalba

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego denuncia o desmantelamento dos servizos de xinecoloxía no Punto de Atención Continuada (PAC) de Vilalba, que presta atención médica a case todos os concellos da Terra Chá. No PAC de Vilalba está pechada a axenda para poder ter revisións xinecolóxicas dende principios de 2013 e, segundo informaron verbalmente responsables do centro, non se volverán dar citas até o ano 2015.

Isto implica que as mulleres da Terra Chá están a ser privadas do servizo de xinecoloxía a través da Seguridade Social, xa que non poden pedir cita para consulta no Hospital de Lugo porque se supón que xa teñen esa especialidade en Vilalba. Isto obrigará a aquelas chairegas que queiran acudir a unha revisión xinecolóxica antes de 2015 a recorrer á sanidade privada.

Podemos ilustralo cun caso real: Unha muller que fixo probas xinecolóxicas a mediados de 2012 e recolleu o resultado das mesmas a comezos de 2013; esta paciente debería ter a revisión un ano ou ano e medio despois a máis tardar, é dicir, a finais de 2013 ou comezos de 2014. Sen embargo, no caso de Vilalba esa revisión non poderá ser até o ano 2015, case tres anos despois da proba inicial.

Todo isto foi corroborado, o 4 de novembro, nunha entrevista que un grupo de pacientes afectadas mantiveron co xefe de servizo do PAC de Vilalba, Isidro Álvarez Chorén, quen confirmou que a axenda para citas xinecolóxicas en Vilalba está pechada para o 2014 e pendente de ser aberta para 2015. Chorén explicoulles que a solución a este problema non depende do centro de saúde de Vilalba, senón do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

 

Para a Secretaría das Mulleres do SLG, o que o SERGAS pretende disfrazar como unha mera cuestión administrativa e un tirapuxa sobre se as listas de espera duran máis ou menos, podería ser en realidade unha estratexia premeditada para desmantelar o servizo de xinecoloxía na Terra Chá e, en definitiva, facer un recorte máis na atención sanitaria ás persoas que vivimos no rural. Así o demostra o feito de que este é un problema de vello na Terra Chá, onde o SLG xa ten denunciado a anulación de citas en outono do ano pasado por falla de especialistas; atrasos de varios meses nas revisións; ou listas de espera de un ano para ter cita en xinecoloxía que xa se denunciaron en 2008

PAC Vilalba