A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG denuncia en Vilalba fumigacións para controlar a maleza que poderían contaminar cultivos

O SLG denuncia en Vilalba fumigacións para controlar a maleza que poderían contaminar cultivos

5 de Xuño do 2014

Herbicidas no millo

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar no Concello de Vilalba un escrito denunciando o control da maleza na beira das estradas do municipio a través da aplicación de herbicidas tóxicos, tanto no casco urbano como no medio rural, feito que está a provocar queixas xeneralizadas das persoas afectadas.

Dende o Sindicato Labrego Galego puidemos comprobar que as fumigacións con agrotóxicos se están a facer de xeito indiscriminado a carón de cultivos destinados tanto a alimentación humana como animal, e preto de cursos de auga, poñendo en risco a saúde pública. Mesmo se están a aplicar herbicidas en zonas urbanas moi concorridas, como nos arredores do auditorio municipal. Dende o SLG, descoñecemos o alcance destas fumigacións, pero tememos que poidan afectar a algunha das 14 explotacións vilalbesas rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), pois a contaminación accidental por estes herbicidas podería custarlles a retirada dun selo de calidade que lles levou moitos anos e cartos acadar.

Diante desta preocupante situación, o SLG pediulle ao Concello que informe sobre que administración é a responsable desta perigosa práctica. En caso de ser o propio goberno municipal, dende o SLG pedíuselle ao alcalde, Gerardo Criado Guizán, que explique se o equipo que está a facer as fumigacións conta coa cualificación profesional pertinente, que herbicida se está a utilizar e se conta coas correspondentes autorizacións administrativas. Tamén, se o Concello de Vilalba é o responsable, dende o SLG instóuselle, ademais, a que suspenda inmediatamente estas fumigacións tóxicas para destruír a maleza e as substitúa por medios de control mecánicos inocuos para a saúde e menos agresivos co medio ambiente tal e como están a facer varios concellos veciños da Terra Chá.

Herbicidas milloHerbicidas horta