A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG pide explicacións á Confederación Hidrográfica pola privatización do río Teixido a favor de Cementos Cosmos

O SLG pide explicacións á Confederación Hidrográfica pola privatización do río Teixido a favor de Cementos Cosmos

30 de Xaneiro do 2015

Cementos Cosmos

O Sindicato Labrego Galego solidarízase cos habitantes de Vilavella (Triacastela) que están aturando as tropelías coas que a empresa Cementos Cosmos, coa complicidade da administración pública, pretende socavar a moral de quen se opón á súa nefasta e destrutora actividade mineira na zona. Nun país onde un labrego que transporte leña no seu tractor é considerado un delincuente ou se sanciona a gandeiros e gandeiras pola bosta das vacas, asistimos a un novo esperpento no que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil agasalla a unha canteira co uso exclusivo dun río: o Teixido.

En efecto, nos últimos días estalle a chegar á veciñanza de Vilavella, remitidas polo Ministerio de Agricultura, sancións que poden ascender até os 10.000 euros por utilizar as augas do río Teixido para regar as súas leiras ribeirás ou abeberar o seu gando como veñen facendo, xeración tras xeración dende tempo inmemorial, as familias labregas desta parroquia. E é que o río Teixido semella ser propiedade exclusiva de Cementos Cosmos por concesión administrativa, esa mesma empresa que foi denunciada en varias ocasións por coutar e destruír tramos do seu leito, por realizar sen autorización verquidos contaminantes nas súas augas, por usurpar o dominio público hidráulico ou por facer captacións ilegais de mananciais, sen que, a día de hoxe, fose sancionada. Resulta denigrante, ademais, que sexa o Ministerio de Agricultura quen sancione e quen se poña na banda dunha canteira para ameazar e multar familias labregas no desempeño da súa profesión.

O Sindicato Labrego Galego xa se puxo en contacto coa veciñanza de Vilavella para ofrecerlle o apoio dos seus servizos xurídicos. Ademais, dende o SLG pediremos explicacións á Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre a dobre rapadoira utilizada á hora de velar pola conservación e bo uso dos nosos recursos hídricos, unha dobre rapadoira que lle fai mirar cara a outra banda diante da actividade destrutora de Cementos Cosmos e, ao mesmo tempo, negar o uso agrario das augas do Teixido ás familias labregas que as veñen usando de xeito respectuoso e sostible dende hai séculos para producir alimentos.

O caso de Cementos Cosmos en Triacastela é un claro exemplo de como as diversas administracións -Concello, Xunta e Estado- actúan como cómplices dunha empresa contra os intereses da veciñanza, obviando os atropelos e ilegalidades da primeira e actuando como implacable xuíz e xendarme contra a segunda. Un claro exemplo, tamén, da influencia que exerce a cativa industria mineira sobre os poderes públicos, que lle elaboran leis favorables á súa actividade e deixan indefensas profesións como a labrega, que é a que realmente crea riqueza e miles de postos de traballo permanentes no medio rural e a única que garante un campo habitado e estruturado.

Sanción Vilavella