A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG solidarízase con Marcos Celeiro e apoiará a concentración de mañá diante dos xulgados de Vigo

O SLG solidarízase con Marcos Celeiro e apoiará a concentración de mañá diante dos xulgados de Vigo

6 de Maio do 2015

Marcos Celeiro

O Sindicato Labrego Galego solidarízase co presidente da Asociación Cultural O Iribio, Marcos Celeiro, e acudirá á concentración de apoio de mañá, 7 de abril, diante do xulgado nº 13 de Vigo, onde este activista sentará no banco dos acusados tras ser denunciado pola empresa Cementos Cosmos por “danos e prexuízos contra a súa honra".

O único delito de Marcos Celeiro foi denunciar o impacto catastrófico que a actividade mineira desta empresa está a causar en Triacastela dende o punto de vista medioambiental, arqueolóxico, patrimonial e agrogandeiro. E a única resposta da empresa está a ser denunciar á veciñanza crítica coa súa xestión da canteira de Vilavella e porfiar nas ilegalidades cometidas coa conivencia das administracións públicas.

Con esta denuncia e este xuízo, Cementos Cosmos non ataca só a Marcos, senón que ataca tódolos colectivos que formamos parte de contraMINAcción e loitamos contra os impactos da minaría salvaxe na Galiza e, por extensión, ataca toda a cidadanía, pois as ilegalidades e desfeitas desta mineira e demais empresas do sector atentan contra o ben común da nosa terra. E defender a nosa terra non é un delito, é un dereito e un deber ao que non pensamos renunciar. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego reafirmámonos no manifesto publicado pola plataforma contraMINAcción con motivo do II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza: “Diante da actitude de Cementos Cosmos, lanzamos unha mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira: nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen nin o feito de que, coa complicidade do Goberno da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca”.

Por iso, estaremos mañá, ás 10.00 horas, diante do xulgado nº 13 de Vigo para expresar todo o noso apoio e solidariedade con Marcos Celeiro.

Marcos Celeiro