A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG levará a voz das labregas e labregos da Galiza ao Foro Social Mundial 2009

O SLG levará a voz das labregas e labregos da Galiza ao Foro Social Mundial 2009

26 de Xaneiro do 2009

Foro Social Mundial 2009

Xosé Ramón Cendán, Responsábel de Relacións Internacionais do SLG, representará ao Sindicato Labrego Galego na celebración do Foro Social Mundial 2009 que terá lugar do 27 de xaneiro ao 1 de febreiro en Belém do Pará (Brasil).

O SLG, que xa estivo presente en anteriores edicións do FSM, participará neste encontro co interese de defender os dereitos colectivos e individuais do pobo galego, e das labregas e labregos en especial, participando no “Espazo polos dereitos dos pobos e nacións sen Estado”, onde compartiremos espazo con outros colectivos galegos (ALTERMUNDO, Fundación Galiza Sempre) tamén membros do Consello do recentemente constituído FSGal.

 

Asemade, o Sindicato Labrego terá unha forte participación nas actividades que levará a cabo A Vía Campesina ao longo do transcurso do Foro Social Mundial 09, mostrando o seu rexeitamento ao actual modelo social neoliberal, así coma ao abuso que supoñen os Tratados de Libre Comercio (TLC) vixentes neste momento canda á OMC.

 

O SLG defenderá firmemente o dereito dos pobos á soberanía alimentar, a ter uns adecuados servizos de produción que favorezan o óptimo desenvolvemento endóxeno dos pobos e a pertinencia de que os seres vivos sexan patrimonio da humanidade e non das multinacionais, como está a ocorrer arestora.

 

Estamos convencid@s de que deste espazo de reflexión colectiva a prol dos dereitos humanos sairán importantes alianzas a nivel mundial, unha sorte de globalización da loita antineoliberal, que nos proporcionarán unha maior forza á hora de facer escoitar as nosas demandas, acadando un significativo grao de presión sobor dos actuais poderes fácticos da sociedade co obxectivo de facer realidade a premisa “un outro mundo é posíbel”.

 

 

 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON

Xosé Ramón Cendán, Responsábel de Relacións Internacionais do SLG

TLF: 619 900 002

*A dispoñibilidade de Xosé Ramón Cendán exténdese tamén aos días de realización do FSM (27xaneiro-1febreiro)