A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Os ataques dos lobos e o pasotismo da Xunta comezan a facer inviable a gandería no entorno do Macizo Ourensán

Os ataques dos lobos e o pasotismo da Xunta comezan a facer inviable a gandería no entorno do Macizo Ourensán

20 de Novembro do 2015

Becerro morto Teixeira

A comezos de semana, as vacas de Ángel Rivas sufrían outro ataque dos lobos, desta vez en Teixeira, na parroquia de Escuadro (Maceda), a uns poucos centos de metros das casas. Nesta ocasión, foi un becerro de raza Vianesa duns poucos días polo que terían pagado uns 600 euros, pero as perdas serán máis abondosas, pois a nai do animal morto mancouse nos tetos con arame de espiño cando fuxía dos lobos, polo que houbo que chamar os veterinarios; ademais, coas ubres cheas e sen becerro que aleitar, é moi posible que esta vaca acabe padecendo mamite. Polo tanto, a indemnización coa que conta Ángel, ao redor duns 300 euros, non cobre nin de lonxe os danos ocasionados. Por se non abondase, é consciente de que a cobrará, con sorte, dentro dun par de anos, tal e como lle aconteceu cos cartos ingresados neste 2015 por ataques denunciados en 2013.

Este gandeiro do Macizo Ourensán xa deu parte de dous ataques sobre o seu gando en 2015, pero este non foi o terceiro. E é que Ángel Rivas perdeu a conta dos ataques sufridos no que vai de ano, xa que algúns deles xa non se molesta en denuncialos. Isto débese a que se os axentes de Medio Rural non consideran probado o ataque dos lobos, como cando non deixan restos dos xatos devorados, entón non aproban indemnización algunha.

Ao contrario de Ángel, para Samuel Formoso, gandeiro de Gomareite, en Vilar de Barrio, o ataque dos lobos que sufriu hai un par de semanas foi o primeiro. No seu caso, aconteceu a carón no núcleo da parroquia de Bóveda -con 300 habitantes-, nunha área de concentración parcelaria con fincas despexadas, lonxe das zonas de maleza ou boscosas onde adoita refuxiarse a fauna salvaxe, e a carón dunha pista bastante transitada. A Samuel os lobos matáronlle un becerro de raza Rubia Galega acabado de nacer. Entre as secuelas, xa conta con que a nai padecerá mamite por non poder aleitar a cría, que tería acadado no mercado un valor semellante ao xato de Ángel; e os trastornos no manexo do gando, pois agora Samuel érguese tódalas noites ás dúas da mañá para vixiar as vacas que están a piques de parir. Así e todo, Samuel síntese con sorte, pois coñece veciños que, cada ano, contan por ducias os ataques dos lobos sobre a súa cabana gandeira.

A estes casos habería que engadir, a semana pasada, o de John David Leadbeater, a quen os lobos lle mataron dez ovellas na parroquia de Castro, en Laza. No seu caso, David non vai dar parte das mortes porque considera que os trámites burocráticos son tantos e as indemnizacións tan cativas, que non paga a pena molestarse.

Dende o Sindicato Labrego Galego debemos criticar a desastrosa xestión que as Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural están a facer á hora de garantir a convivencia da fauna salvaxe coas actividades agrarias e gandeiras. Esa política limítase, como estamos a ver, a indemnizar os danos dunha maneira deficiente, pois se tes sorte de ter dereito á indemnización, esta é manifestamente cativa, obriga a unha enorme carga burocrática e, por riba, a Administración tarda ao redor de dous anos en ingresarche os cartos. O peor é que as políticas preventivas para evitar estes ataques son nulas por parte da Xunta, que abandona as granxas á súa sorte escudándose en subvencionar sistemas preventivos que non sempre é posible aplicar e que, decotío, non abondan para solucionar o problema. A conservación da fauna salvaxe e da biodiversidade é unha obriga do conxunto da sociedade que esixe a dotación de recursos económicos e materiais para darlle cumprimento. O gran problema que temos na Galiza é que a Xunta, hai moitos anos, utiliza en exclusiva o patrimonio e o traballo dos labregos e labregas para manter esa fauna salvaxe, facendo inviable a agricultura e a gandería en amplas zonas do noso territorio onde, precisamente, son estas actividades económicas fondamente arraigadas as únicas que existen para xerar ingresos e para fixar poboación no medio rural. Se realmente a Xunta quere garantir a conservación de animais como o lobo, e garantir a continuidade das actividades agrogandeiras en zonas desfavorecidas de montaña, debería empezar a deseñar e aplicar políticas serias para facelo en troques de seguir repartindo esmolas miserables mentres o problema non deixa de medrar.

becerro morto polos lobos