A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG alerta da inclusión de variedades vexetais modificadas xeneticamente no Rexistro de Variedades Comerciais permitidas no Estado español

O SLG alerta da inclusión de variedades vexetais modificadas xeneticamente no Rexistro de Variedades Comerciais permitidas no Estado español

12 de Novembro do 2008

STOP contaminación transxénica

O BOE nº273 correspondente ao día de hoxe, 12 de novembro do 2008, especifica na ORDENARM/3236/2008, de 24 de octubre, a inclusión no Registro de Variedades Comerciales permitidas no Estado español de diversas variedades vexetais modificadas xeneticamente pola polémica multinacional MONSANTO. 

Trátase das variedades de millo transxénico 20070076 Consuelo YG (OGMMON810), 0050332 EC6303EZA1 (OGM-MON810) e a inscrición provisional 20070175 PR32D80 (OGM-MON810)

Dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos a denuncia da perigosidade que os alimentos modificados xeneticamente constitúen para a saúde tanto animal como humana, xa que a propia comunidade científica non mantén un posicionamento unánime, co que debería primar por parte dos gobernos o principio de precaución e a non autorización. 

Non nos atopamos xa perante da permisividade cos cultivos experimentais na Galiza, feito diante do cal a sociedade galega vén de se pronunciar contraria nestes mesmos días, senón que mediante a publicación desta ORDEN ARM/3236/2008 outórgase o consentimento para a súa comercialización, permitindo polo tanto a sementeira de campos transxénicos no noso País. 

Devandita permisividade é a materialización da grande ameaza que se cerne sobre Galiza, un territorio eminentemente rural, que conta con variedades autóctonas de millo, e cuxas plantacións sofrerían inevitabelmente a contaminación destes organismos alterados xeneticamente. A coexistencia é imposíbel. 

A menos dun mes de que no Parlamento galego se vaia a someter a debate unha moción para a declaración da Galiza como zona ceibe de transxénicos, o pronunciamento do MARMA constitúe unha resposta, coidamos que “non casual”, que podería condicionar o proceso de discusión e aprobación da mesma. 

Repetimos que o consentimento de comercialización de variedades transxénicas aprobado polo MARMA contraponse á sensibilidade social do pobo galego, constituíndo ademais un acto de irresponsabilidade perante do coidado da saúde pública, deixando a mercede das ganancias das multinacionais a saúde da humanidade. 

Dende o Sindicato Labrego Galego, condenamos esta escandalosa supeditación lexislativa aos intereses económicos das multinacionais da alimentación. 

A aprobación da sementeira e comercialización de millo transxénico constitúe un duro ataque contra a nosa biodiversidade, así como das expectativas para a consecución da soberanía alimentaria para Galiza, obxectivo plantexado coma protagonista en recentes foros sociais (Marcha Mundial das Mulleres) e aspiración principal do Foro Social Galego que terá lugar no mes de decembro. 

Moitas grazas pela vosa atención.

Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego 

OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON 
Charo Sánchez Parga, Secretaria de Medioambiente, Terra e Montes 
TLF: 669 651 700 
Carme Freire Cruces,Secretaria Xeral do SLG, 
TLF: 619 348 426

Ficheiro adxunto